Opinión

O que parte e reparte

Nas últimas semanas, a iniciativa do BNG, botou andar unha Comisión no Parlamento de Galiza para abordar, desde unha perspectiva galega, o debate da revisión do Sistema de Financiamento Autonómico. Tentan amosarnos este debate como algo abstracto e técnico. Porén, é un debate concreto e político. Non se pode falar de mellorar a sanidade pública, o ensino ou os servizos sociais do noso país sen falar do sistema de financiamento. E non se pode falar -en serio- do sistema de financiamento das CCAA sen falar da plurinacionalidade do Estado español.

O problema de fondo non é se terían que pesar un pouco máis a dispersión ou o avellentamento á hora de calcular os custos reais dos servizos (que, evidentemente, si). A pregunta que deberiamos facer é por que a Xunta de Galiza pode xestionar a sanidade ou a educación mais non pode recadar os impostos cos que se deben sufragar, entre outros, eses servizos, nin decidir cales deben ser as prioridades de gasto e investimento público no noso país. O problema é un modelo que nega as nacións baseado na descentralización do gasto, un sistema de ingresos sumamente centralizado en que desde Madrid parten e reparten e quedan coa mellor parte: un sobrefinanciamento da Administración central do Estado (atendendo ás súas competencias reais) que implica, necesariamente, o infrafinanciamento das CCAA e, por tanto, dos servizos máis sensíbeis e importantes para a poboación.

Feixoo encara este debate coa mesma actitude que lle valeu para non conseguir nin unha soa transferencia nova para Galiza durante os seus Gobernos: unha posición submisa, acomplexada e de aceptación acrítica dun statu quo prexudicial para Galiza que nos relega a ser un pobo amorfo, sen vontade de se autorresponsabilizar e autoxestionar os seus propios recursos. Asume que Galiza non ten capacidade de financiar por si propia uns servizos públicos de calidade e que, como país, non alcanzamos a maioría de idade para decidirmos por nós naquelas cousas que nos afectan. Trasladar esa imaxe de Galiza como país subsidiado, incapaz de se valer por si mesmo nin é casual nin se corresponde coa realidade. É parte da xustificación formal da cronificación dunha situación de dependencia política. Nese sentido, foi moi significativo que Feixoo optara xa por se aliñar con comunidades autónomas que non son nacións e que, nalgúns casos, teñen intereses contrapostos aos do noso país. 

Saír xogar esta partida baixo a premisa de tentar non empeorar é saír derrotado antes de comezar. Aceptar resignadamente un status económico inferior ao que xa ten hoxe Euskal Herria ou ao que, historicamente, veu demandando Catalunya sería un gravísimo erro en termos de país para a Galiza. Tratar iguais de xeito desigual é inxusto. Igual de inxusto que tratar desiguais de xeito igual. Por ese motivo, o único modelo de financiamento acorde co carácter plurinacional do Estado é un modelo de financiamento necesariamente asimétrico, onde as nacións teñan un modelo de concerto e as rexións un modelo de descentralización acorde coa súa condición e necesidades.

Nesa dirección, hai dúas cousas que xa ficaron claras das primeiras sesións desta Comisión Parlamentaria. En primeiro lugar, que este non é un debate técnico. É un debate ideolóxico-político. Cando Santiago Lago afirma que o concerto non vale para a Galiza porque é un modelo propio dun estado confederal, ten razón no segundo e trabúcase no primeiro. Precisamente porque o modelo de concerto sería o propio dun estado confederal (ou xenuinamente federal). É o modelo que precisa unha nación como a galega. A segunda é que só o nacionalismo galego está a pór enriba da mesa unha proposta seria, rigorosa e que suporía un avance cualitativo e estratéxico para o país. Unha proposta de concerto económico, como a defendida por Xosé Díaz como comparecente, que parte dunha premisa básica: o pobo galego ten dereito a decidir sobre todo aquilo que lle afecta e esa autorresponsabilidade, ademais, é a maneira máis xusta, eficaz e eficiente de facelo. A alternativa ao concerto, xa a coñecemos: en todo o que non decidamos nós, outros deciden por nós. Os resultado, por desgraza, tamén é coñecido. Ese, si que non é un bo modelo para a Galiza.

Comentarios