Opinión

1 de decembro: Día da Dignidade

Tralo afundimento do Prestige, a primeira reacción do PP desde o Goberno español e a Xunta de Galiza foi negar a catástrofe. Cando xa era imposíbel de negar, minimizárona. E cando xa non a podían minimizar, e tras unha pésima coordinación, carencia de medios, lentitude e ineficacia á hora de actuar, mentiron, censuraron e manipularon.

A indefensión da Galiza aqueles tráxicos días foi evidente. O pobo galego asistía impotente á pasividade dos seus gobernantes. A sensación de abandono era total. E a percepción de que se ese barco afundira nunha parte do estado diferente a Galiza a actuación do goberno español sería moi outra, tamén. Moita xente percibiu de forma clara, por vez primeira, a posición estrutural de Galiza dentro do estado. Eramos un país á deriva. Mais, ante ausencia de estado, emerxeu a nación. Nacía a Plataforma Nunca Máis.

Nunca Máis non xurdiu por xeración espontánea. No seu nacemento e organización tería moito que ver o nacionalismo galego. Sen ben é certo que Nunca Máis non era unha plataforma nacionalista, non é menos certo que a actuación e implicación do nacionalismo galego en xeral, e do BNG, a CIG e Adega en particular, foi total. A súa aportación sería chave para converter aquel sentimento de rabia e indignación nun potente movemento, ben organizado, cunha gran capacidade mobilizadora e unha mensaxe e obxectivos inequívocos que a converterían no maior movemento cívico da historia da Galiza. O PP combateríaa con todas as súas forzas. Primeiro, ridiculizándoa. Despois, criminalizándoa. E, por último, tentando domesticala. Fracasou nos tres intentos. Nunca conseguiron descafeinar, desmobilizar nin fragmentar a Nunca Máis.

Aquela plataforma, hai hoxe 20 anos, convocaba en Compostela a maior manifestación da historia da Galiza. Unha maré de paraugas enchería varias veces a Praza do Obradoiro. Aquelas imaxes ficarían no noso imaxinario colectivo como un día de dignidade colectiva como pobo. Un pobo cunha personalidade e un carácter ben diferente do que tópica e prexuizosamente se nos adoita atribuír: sen conciencia colectiva, submiso, dócil, alienado e resignado. O mundo puido ver un pobo digno, confiante da súa propia forza e disposto a se autodefender.

Contra o que moita xente pensa, Nunca Máis tería unha importante repercusión política. O PP levaría un serio correctivo en moitos concellos nas eleccións de 2003 e non sería posíbel entender a derrota de Fraga en 2005 sen o desgaste acumulado dos anos anteriores, especialmente, da xestión da crise do Prestige. Tamén conseguiría melloras nas condicións materiais de defensa ante unha nova crise deste tipo. Porén, non conseguiu que se mudaran algunha das deficiencias estruturais que agrandaron aquela crise como a falta de competencias da Xunta en materia de salvamento marítimo.

O Prestige é un capítulo negro na nosa historia, mais a resposta do pobo galego a aquela traxedia é un dos capítulos máis heroicos e esperanzadores. Nas nosas mans estivo limpar as praias, pendurar bandeiras nas xanelas ou manifestarnos contra a incompetencia e abandono. E nas nosas mans está lembrar cada 1 de decembro como "Día da Dignidade".

Comentarios