Opinión

O tecido sutil do veleno, a vibración de seu

"Supoño que todos os meus filmes teñen un tema en común (…) redúcese a unha soa pregunta: "Por que a xente unida non pode chegar a ser feliz?"

Akira Kurosawa

Na Escola Farnsworth, 1864, en plena guerra de secesión, sete señoritas conviven como mellor saben nun espazo fechado. Poden mirar o mundo dende a ventá, o balcón ou o xardín. Raramente saen ao exterior. Un enreixado é o límite visual do que Coppola nos ofrece diferentes planos. Vémolo dende dentro, con elas, mais tamén dende fóra. Dúas perspectivas estas dunha mesma realidade, co seu significado explícito. Non ten a directora ningunha intención de resultar hermética con estes dous enfoques. Permite que miremos a través del, porque é o seu desexo plasmar o que acontece nesa aparente harmonía que se presenta ante os nosos ollos, acompañada da luz que corresponde a cada momento do día. Xa sexa pola mañán ou ao caer da tarde, as imaxes do devandito enreixado teñen un carácter premonitorio, constitúen pois unha especie de prolepse literaria que nos anticipa algo, na medida en que xera en nós unha sensación que se fai recorrente ao longo do filme: a asfixia. Todo sucede dun xeito pausado, como corresponde á atmosfera espesa que se quere crear. Así, pouco a pouco iremos coñecendo, por exemplo, as habitantes da casa. A Miss Martha, unha Nicole Kidman de 180 centímetros, que, unha vez máis, está espléndida e leva o maior peso da historia. Alicia, a poderosa Elle Fanning, todo un volcán a piques de estoupar. Edwina, interpretada por Kirsten Dunst, que nos envolve con gran delicadeza ao executar máis que dignamente o seu papel. Kirsten é adorábel. Dentro e fóra da pantalla. Sofía Coppola ten isto moi claro, por tanto dende que a “capturou” para As virxes suicidas, repetiu con ela en María Antonieta e agora neste seu último traballo, The beguiled.

Todo sucede dun xeito pausado, como corresponde á atmosfera espesa que se quere crear

 

Con menor presenza, pero tamén estupendas, podemos desfrutar das outras rapazas máis novas da escola, Emily -Emma Howard, que aparece en series como Sarah Silverman ou Transparent-; Jane -Angourie Rice, a quen se puido ver en Dous bos tipos-; Mary -Addison Rieck, de 13 anos, que xa debutou na serie Who is the murderer?- e a singular Amy, interpretada por Oona Lawrence, de 15 primaveras, que é coñecida por ter aparecido na serie Orange new black, alén de filmes como Redención ou Malas madres. A este conxunto de féminas dálles a réplica Colin Farrell, que tampouco o fai mal, malia non contar co físico de Clint Eastwood, que, no seu día, interpretara tamén ao cabo Mc Burney, na fita dirixida por Don Siegel en 1971, baseada tamén na novela de Thomas Cullinan. Persoalmente, tería preferido ver neste papel Michael Fassbender que dende logo ten un aspecto físico bastante máis rotundo do que Farrell. No entanto, o traballo de Colin é digno e consegue que acreditemos nel. Ben, deixando a un lado esta cuestión das miñas preferencias para o personaxe do soldado, que non son as da directora nin teñen por que selo, obviamente, querería entrar na cuestión da repetición. Con repetición, refírome a que a proposta de Coppola non deixa de ser un remake do filme de Don Siegel e isto colocou a película e a directora sobre un chan pouco firme, dadas as inevitábeis comparacións que xerou. Iso sen contar coas expectativas que as pelis de Coppola suscitan nas persoas que acudimos con frecuencia ao cine e gostamos tanto do seu traballo. Cando se produce unha comparación sempre se pode saír perdendo, así é que o feito de ela decidir facer este remake reflicte bastante confíanza en si mesma e certa afouteza. Pero, sae ou non sae airosa do asunto? Ao meu ver, si sae airosa, pero non considero que esta fita estea a altura doutras anteriores como Lost in traslation ou As virxes sucidas.

Cando se produce unha comparación sempre se pode saír perdendo, así é que o feito de ela decidir facer este remake reflicte bastante confíanza en si mesma e certa afouteza

 

En todo caso estamos ante unha boa película, que nos permite algo ben interesante: contemplar o que xa foi contado dende unha óptica distinta. Se a peli de Siegel nos ofrecía un grupo de mulleres máis saídas co pico dunha plancha, co xuízo implícito do ollo masculino, que as mira como bruxas, liantas, competitivas e dramáticas; na de Coppola esta sexualidade reprimida que as traizoa, ao poñérense ao servizo da aprobación do cabo Mc Burney, non ten agachado ningún tipo de xuízo moral. É máis, sentimos que as comprende, porque permite que coñezamos os seus medos e obsesións, inculcados por unha sociedade patriarcal e pacata que as somete e pisotea como persoas. Todo isto pode non xustificar determinadas condutas, pero si explicalas e facilitar a necesaria empatía. Que poidamos saber da delicadeza sentimental de Edwina, desa avideza por saír da Escola e se saber amada de punta a punta, resulta comprensíbel. Como non vai desexar recibir amor e tenrura se o único que recibiu na súa vida foron ordes? O cabo Mc Burney representa para ela unha porta de saída, isto é, a salvación. Poñérmonos nos seus zapatos é o que consegue Coppola, ao se adentrar na emocionalidade desas mulleres con tanta pausa. Logra que sintamos a súa angustia e desculpemos condutas coma esa explosión de ciúmes de Edwina, que de non nos situar nas coordenadas pertinentes consideraríamos loxicamente bochornosa e humillante. Do mesmo xeito empatizamos con Alice e coas súas ganas de prevalecer e situarse por riba das outras. Que arele ser o centro de atención parécenos lóxico, dada a idade -é moi nova- e a educación recibida -debía casar canto antes-, que a comprimen e non a deixan respirar. Alice ten dentro un incendio que sempre lle obrigan a reprimir. Séntese pois castrada, física e emocionalmente, mais como non sentirse así nesa gaiola dourada na que obedecer é o modo de relacionarse co mundo adulto? A piques de ser muller completa, desexa anticiparse, experimentar no outro o anhelo, esa ollada perpetua que consegue obter do cabo Mc Burney que, sen lugar a dúbidas, elixe ir ao seu cuarto, porque é a que máis lle gusta de todas. Realizarse a través da ollada allea, poñerlle en bandexa, neste caso, a un home o seu valor non é algo que unicamente faga Alice por ser unha adolescente coas hormonas en estado atlético total. Fanno todas. Dende Miss Martha, ata Amy, a cativa, pasando por Mary, que, para compracelo, lle ofrece un libro de oracións, por se non conseguise recuperarse e quixese poñerse a ben con Deus, un momento ben tenro que arrincará máis dun sorriso.

Con todo isto, o cabo Mc Burney séntese abrumado. Tantos anos en guerra, sen ver unha muller diante, e agora ten sete! E todas con ganas de marcha! Esta situación, ao ser formulada dende unha óptica feminina, consegue que riamos coas tramas sutís que esas mulleres tecen e destecen para conseguir a atención de Mc Burney, que, en tal tesitura, adquire plena consciencia de constituír un ben escaso e isto, que, en principio, podería favorecelo, remata por ser unha condena. Se a todo isto lle engadimos as exquisitas imaxes, con ese dominio da luz, que xa puidemos aprezar en As virxes suicidas e Lost in traslation, o que temos é unha antoloxía perfecta da delicadeza expresiva que constitúe a linguaxe visual de Sofía Coppola. Pénsese, por exemplo, na escena na que están a rezar todas xuntas co cabo Mc Burney, que é absolutamente deliciosa. A cámara consegue formar un triángulo coa disposición de todos os personaxes. Na punta dese triángulo, el, o cabo, constitúe centro. Á dereita vemos Miss Martha, Amy, Edwina e Mary. Á esquerda aparece Alicia, seguida de Jane e Emily. O conxunto reza envolto baixo as candeas, así é que o xogo barroco de luces e sombras, materializa a tensión que se respira nesa cordialidade forzada da que o veleno é o principal sustento. Esta agudeza e elegancia formal da fita ten que ver coa sabia decisión de Sofía Coppola, ao contar con Pilippe Le Sourd, que xa ten amosado a mestría de seu no filme The Grandmaster, dirixido por Wong-Kar-Wai. Tendo conta entón de toda esa intensidade pausada, da rede de relacións e o xeito de as formular, da observación da intendencia doméstica inserida na suavidade dos tons pastel, da precisión para amosar a luz natural -a da mañán, a da tarde, a do anoitecer, as das velas...-, da tensión sexual nunha atmosfera insá, alén desa banda sonora tan suxerente, que cumpre co seu cometido -implementar unha serie de sons que corroboran o significado do que estamos a contemplar- e non distrae a atención, creo que The Beguiled é unha peli ben suxerente, que paga a pena ver.

    

Comentarios