Opinión

Os rescatadores

Na campaña electoral das eleccións europeas saíu de novo á palestra, como non podía ser menos, o tema do rescate financeiro de Espalandia. Lembramos, de novo, que a UE prestounos 41.000 millóns de euros para sanear a banca e as caixas de aforro; como todo préstamo, haberá que devolvelo, cos seus correspondentes intereses. 

Na campaña electoral das eleccións europeas saíu de novo á palestra, como non podía ser menos, o tema do rescate financeiro de Espalandia. Lembramos, de novo, que a UE prestounos 41.000 millóns de euros para sanear a banca e as caixas de aforro; como todo préstamo, haberá que devolvelo, cos seus correspondentes intereses. 

"A UE prestounos 41.000 millóns de euros para sanear a banca e as caixas de aforro; como todo préstamo, haberá que devolvelo, cos seus correspondentes intereses". 

Baixando da macroeconomía á microeconomía, a pé de rúa, penso que se entende mellor a cuestión: teremos que pagar nos tributos dos anos vindeiros 875 euros cada persoa de Espalandia (ao redor de 2.200 euros por fogar) para rescatar nós, a cidadanía,  a un sistema financeiro que Zapatero, en plena éxtase de poder, calificou como “de los más sólidos del mundo”. Del mundo mundial, faltoulle engadir.

  • Pilar, leve tamén estes euros para a compra dos mobles e algúns máis para cambio do coche, que xa ten os seus anos (o coche, quero dicir…). Aproveite que os intereses están baixísimos e ademais pode pagar ata en 50 anos.
  • Xosé, compre estas participación preferentes, que lle producirán una gran rendibilidade …e poderá dispoñer dos cartos cando queira.
  • Ana, non se preocupe, esa “claúsula súelo” non lle vai afectar negativamente; é algo que poñemos agora en todos os contratos hipotecarios e que lle beneficiará se no futuro soben as taxas de interese, porque non lle pasarán nunca do 14´25%.
  • Ramón, firme aquí e a hipoteca xa está concedida; por iso que pon alí do “swap” non se preocupe, durma vostede tranquilo; é simplemente un tecnicismo financeiro pola cal queda vostede cuberto de posibles subas futuras das taxas de interese.
  • Carmiña, asine aí abaixo. Por que pon que a consideramos “investidora”? Nada, un requisito burocrático máis que non mandan cubrir agora. Se un fixese caso de todo o que se pon nos papeis! Ben sabe vostede que o papel terma de todo o que lle poñen!

Así, pasiño a pasiño, oficina a oficina, da man da gran amabilidade dos comerciais da banca aos que lle touco participar neste gran fraude, os bancos e caixas de aforro foron amasando millóns de euros que lle permitiron acadar uns beneficios cada ano moito maiores que o anterior…ata que a burbulla financeira estoupou.

"A moitos xenios financeiros caeulles a máscara e descubriuse o que había debaixo: planificadores e executores dunha gran estafa colectiva, focalizada especialmente nos colectivos con menor coñecemento financeiro".

A quebra de Lehman Brothers, en setembro de 2008, foi o disparo de saída para o derrubo dos naipes que sostiñan o castelo no aire. A moitos xenios financeiros caeulles a máscara e descubriuse o que había debaixo: planificadores e executores dunha gran estafa colectiva, focalizada especialmente nos colectivos con menor coñecemento financeiro.

As cadeas seguen a estar á espera de que vaian rendendo contas ante a xustiza e devolvendo o diñeiro que non lles pertencía (máis os intereses xerados) unha chea de (i)rresponsables, antes “xenios das finanzas”, que se enriqueceron á costa da ruína de centos de miles de clientes en Espalandia.

E en Galilandia que? Máis do mesmo. Velaí 9.000 millóns de euros da cidadanía enterrados en NovaGaliciaBanco, para logo agasallar con ela á banca estranxeira por 400 millóns de euros a pagar nos primeiros meses e outros 600 cun prazo longo de abondo para que poida xeralos coa súa actividade financeira normal.

"Velaí 9.000 millóns de euros da cidadanía enterrados en NovaGaliciaBanco, para logo agasallar con ela á banca estranxeira por 400 millóns de euros a pagar nos primeiros meses e outros 600 cun prazo longo de abondo".

Gran oportunidade desaproveitada para que, xa que a pagamos con fondos públicos, se crease unha banca pública galega, unha panca para darlle pulo ao desenvolvemento económico-social e cultural de Galicia.  Non contemplaron esa posibilidade os gurús financeiros nin os políticos que nos (des)gobernan; iso é cousa do pasado. 

Xa en 1921 Lois Peña Novo, o primeiro concelleiro electo nunha candidatura nacionalista galega, chamou a crear unha banca pública galega no seu libro: La Mancomunidade Gallega. En xuño 1931 recolleuse  este anceio no Proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia que se aprobou na Asemblea de A Coruña, da que Peña Novo foi poñente e voceiro principal.

Como é pasado o labor teimudo de Alexandre Bóveda a prol desta mostra da  soberanía galega no eido financeiro, como corresponsable da redacción do Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos (1931)e alma mater do Proxecto de Autonomía que aprobou en plebiscito o pobo galego o 28 de xuño de 1936.

Canto poderían aprender do pasado os especuladores financeiros que xa andan outra vez ás andadas, colocando na rede bancaria á clientela produtos de alto risco!. A culpa non é só deles. Tamén dos gobernos que llo permiten.

Despídese un dos millóns dos verdadeiros rescatadores; un dos que, á fin, pagaremos do noso peto o rescate financeiro, anque a fama de facer a achega vaia para a UE.

Comentarios