Opinión

Non á venda do patrimonio público

As inevitábeis maiorías vazquistas na Coruña puxeron ao descuberto, coas interpretacións   que se queiran, un modelo de cidade preparado para o urbanismo especulativo, encamiñado á privatización de espazos que forman parte do común e que dende sempre constituíron unha das principais sinais de identidade da cidade. Trátase, en definitiva, de intervencións especulativas orientadas a facilitar o negocio inmobiliario, pero alleas ás necesidades máis inmediatas da maioría da veciñanza. Todo xira ao redor dunha liña de puntos negros que atravesa con implacábel repetición o patrimonio público: a venda dunha parte nada desdeñábel do común.

Pois ben, grazas a un convenio asinado o 30 de xuño de 1984, o Ministerio de Defensa leva ingresado preto de 8.000 millóns de pesetas (ao redor de 48 millóns de euros), contabilizados pola venda dos cuarteis de Zalaeta e Santo Amaro e polo antigo Hospital Militar. Non contento con iso, o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) segue a actuar como unha inmobiliaria dedicada á especulación que lle reporte saborosas plusvalías nas parcelas do Campo da Estrada-Maestranza.  Son terreos de incalculábel valor histórico-patrimonial pola presenza de restos das murallas da cidade no seu subsolo: o sistema defensivo medieval (lenzo da muralla medieval e o Campo da Estrada) e o sistema defensivo barroco (lenzos e fosos, explanadas e baluartes da muralla barroca). Ambos sistemas gozan da condición de BIC no Catálogo do Plan Especial de Reforma Interior da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI), que obriga á súa conservación, mantemento e restauración.

As inevitábeis maiorías vazquistas na Coruña puxeron ao descuberto un modelo de cidade preparado para o urbanismo especulativo

O goberno municipal de Inés Rey, a través dun Estudo de Detalle, pretende agora compensar á promotora trasladando o volume de edificabilidade que non pode executar na parcela excluída a outro lugar descoñecido da cidade. O argumento é o tan teimudo de que as indemnizacións que habería que pagar á promotora, que xa depositou un aval bancario para facerse cos terreos, serían inasumíbeis para as arcas municipais. A xustificación resulta tanto máis peregrina canto que tanto o departamento ministerial de Defensa como a propia promotora eran coñecedoras da situación, isto é, as limitacións inherentes a parcelas situadas en zona arqueolóxica, polo demais, debidamente documentadas no PEPRI de 2015. Nin Xunta nin Concello procederon á modificación do PEPRI de cara a delimitar a contorna de protección BIC.

Outro asunto protagonista deste tempo de urbanismo especulativo é a futura transformación portuaria, posiblemente a intervención máis importante da cidade, circunstancia pola que non é estraño que ao seu arredor se creara un espazo de preguntas e respostas para quedar integradas entre as grandes decisións que haberá que dilucidar. O goberno pretende facer recaer sobre a veciñanza da Coruña os 300 millóns de euros de débeda da Autoridade Portuaria, sobrecusto das obras do porto exterior de Langosteira, coa venda dos peiraos interiores para a construción de vivendas. Tal posibilidade segue vixente, mentres non se revisen os convenios asinados en 2004, malia que a alcaldesa prefire apelar a "solucións financieiras", así como á "redacción de protocolos que substitúan os convenios de 2004". Aliás, non hai que esquecer que esa obra foi presentada como de "interese xeral”.

Coa manifestación do pasado día 30 como telón de fondo, a alcaldesa sinalou que se trataba dunha mobilización preventiva e política. Inés Rey reaccionou con celeridade e puxo en marcha a súa maquinaria mediática para desvirtuala coa batalla das cifras. Si a de 2017, a Policía Local, cun goberno da Marea Atlántica, situou o número de asistentes en 4.000, agora a mesma Policía Local, cun goberno do PSOE, rebaixa ese número a 800. Nada novo. Sexa como for, Defensa do Común, entidade nucleadora dun movemento cívico integrado por 68 organizacións, amosa a súa satisfacción e tentará de manter vivo ese compromiso porque resulta determinante para acadar os obxectivos. Hoxe, ese movemento, integrado por cidadáns imbuídos no espírito democrático e cívico da Coruña están a descubrir que, contrariamente ao que declara a alcaldesa, Portos do Estado e Xunta cabalgan xuntos para desprenderse de activos portuarios. Cabe preguntarse, porén, si ensañándose deste modo, o goberno municipal pensa preservar a súa calculada ambigüidade sobre o futuro dos peiraos fronte as proclamas tanto de Núñez Feijoo e o presidente de Portos do Estado no sentido de que non hai outra opción que a venda de espazos portuarios. Este movemento naceu para quedarse porque goza de boa saúde e porque responde a un esquema de valores baseado na idea de transformar o porto en espazo habitábel para uso e goce da veciñanza.

Queremos a condonación do préstamo de Portos do Estado á Autoridade Portuaria porque só desde o rexeitamento á privatización e venda dos peiraos poderemos descubrir toda a fachada marítima na súa plenitude cidadá, baixo o concepto de titularidade e xestión pública dos terreos, que permitan compatibilizar as actividades portuarias coa dotación de equipamentos, zonas verdes e espazos libres.

Comentarios