Opinión

O lugar dos movementos sociais

Os movementos sociais, intimamente ligados á denuncia de operacións especulativas relacionadas coa organización das actividades colectivas sometidas ao lucro do capital mais non as das necesidades inmediatas da maioría da poboación, recuperaron vixencia nos últimos anos da man das agresións que está a sufrir unha boa parte do común. A súa importancia radica na circunstancia de que, contra certas previsións, as plataformas cívicas non desapareceron nen perderon apoio social, senón que intensificaron a súa presenza en amplas capas da poboación gañando un destacado lugar no drama que escenifican cuestións tan sensíbeis como a vivenda, o transporte, os equipamentos públicos, a contaminación, os espazos verdes, o patrimonio histórico ou unha parte da paisaxe saqueado pola especulación. A incapacidade moitas veces dos poderes de quenda consiste en non saber ofrecer unha alternativa ilusionante a estas demandas e tamén en non recoñecer que a democracia é un réxime aberto onde as súas capacidades de expresión e participación non se limitan exclusivamente a votar cada catro anos e que as mobilizacións son algo inseparábel da democracia. De aí que a existencia dun movemento asociativo plural e dinámico non sempre é aceptado de boa gana por unha parte da clase política polo simple feito de que non o controla. Unha posición inquietante desde calquera orientación democrática.

A incapacidade moitas veces dos poderes de quenda consiste en non saber ofrecer unha alternativa ilusionante

Situándome, como me sitúo, nunha perspectiva optimista, aberta a que nun futuro poidan aparecer novas plataformas cívicas, non coñezo nada máis antidemocrático que o de aqueles que aínda sosteñen que actuando así, a corpo descuberto fronte a quen foron escollidos polas urnas, sen obedecer a consideracións nin cálculos de oportunidade, faise o xogo precisamente aos grupos hexemónicos que seguen a contemplar o común como fonte inesgotábel de obter plusvalías. Non hai que ignorar que a voracidade que impregna a lóxica capitalista leva consigo mesmo a readaptación de espazos históricos aos intereses deses grupos hexemónicos e das grandes corporacións polo que a acumulación de experiencias ao calor de conflitos como a vivenda, os equipamentos sociais ou a protección do patrimonio público supoñen unha alternativa á orde social vixente. 

O que mellor define estes movementos é unha nova forma de acción a través da cal a veciñanza poida intervir sen intermediarios políticos na resolución de moitos dos problemas que lles afectan. Trátase, en definitiva, de influír na clase política a base de propostas imaxinativas, fomentando, á súa vez, o maior grao posíbel de formas de participación e de democracia directa. Para iso é preciso pasar xa da testemuña ao compromiso: a testemuña consiste en campañas de ideas, de presenza, mentres que o compromiso implica unha participación activa nos problemas de cara a constituír un movemento social amplo. Unha forma de democracia directa, que non é un mito, senón que representa unha forma política que pode funcionar dun xeito moi simple, xunto a outras formas 
de representación.

Mais o caso é que levamos tempo preguntándonos sobre a necesidade destes movementos, polos seus cometidos ou a súa función social e articulación institucional. A este respecto, non son moitas as solucións que se brindan desde as organización políticas, como non sexa as promesas electorais de poñer en práctica fórmulas regulatorias de participación. O problema é que cando as institucións resístense a aceptar a presenza dos movementos sociais, estes teñen que desenvolver súa actividade fóra das institucións e mesmo contra elas

Comentarios