Opinión

Folga xeral contra da historia

Hai cincuenta anos que as forzas do fascismo asasinaban a Daniel e Amador. Foi nun contexto de revolución obreira, as folgas de 1972. Esas rúas ateigadas de homes e mulleres na defensa da dignidade e da liberdade evidenciaron a necesidade, e sobre todo albiscaron a posibilidade, dun sindicalismo galego que rompese con ese outro sindicalismo español que non ía tardar en traizoar o proletariado todo.

De aí vimos nós, as que defendemos o pan, o traballo e o teito; as que defendemos a conciencia de clase como eixo de todas as nosas loitas, as que defendemos a historia e a memoria como respecto ao que fomos, ao que somos e ao que aspiramos ser.
Neste 1º de maio estivemos de novo na rúas exercendo de o dereito a lembrar para que non pretendan enganarnos. Igual que no ano 1972 ondean as bandeiras do fascismo, só que desta vez disfrazadas de democracia e lexitimadas por un goberno autoproclamado coma "máis progresista da historia". Aplauden as cloacas do estado e os donos capitalistas do sistema porque os 'progres' están a cumprir o encargo para o cal foron elixidos: a explotación progresiva e asfixiante da clase traballadora.
O goberno 'progre' mantén en pé a lei mordaza. O goberno 'progre' non derrogou a reforma laboral, limitouse a maquillala para que fose aplaudida pola patronal e o PP, e lexitimada por CCOO e UGT mentres medran as súas subvencións. O goberno 'progre', tan defensor da súa soberanía, non dubidou e agachar a cabeza e lamberlle os zapatos ao amigo americano (nin Berlanga daría creto) para promocionar unha guerra en Ucraína ao servizo dos seus intereses. O goberno 'progre', onde hai quen se di comunista, ponse ao servizo da OTAN e contribúe a falsear a historia situándose na protección dun goberno nazi. O goberno 'progre' sigue os mandados dunha Unión Europea que só goberna para os intereses do capital. O goberno 'progre' está a ser a ferramenta que o capital precisa para precarizar as nosas vidas.

Igual que no ano 72 precisamos saír as rúas, e non só para respirar e reivindicar, senón tamén para conquistalas, para facelas nosas e que o goberno saiba que nós non somos eles, que a nós non conseguen enganarnos, que nós estamos en fronte, que nós somos os da motoserra e o futuro, que nós, a clase traballadora, queremos mil folgas xerais, "a folga xeral contra da historia" que dicía Novoneyra, a folga que permanece e muda as condicións. 

A historia sempre é produto da correlación de forzas na loita de clases e hoxe a burguesía capitalista está a gañar a batalla dialéctica e a guerra de posicións. Isto é grazas á filtración da nosa conciencia colectiva como traballadores e traballadoras, non porque o capital sexa líquido, como di Bauman, senón porque fomos permeables á súa sólida aparencia amábel e benevolente. 
Os anos finais do século XX e os que levamos do XXI serviron para desclasar o movemento obreiro no que poderiamos chamar a "vida dos ismos": ecoloxismo, decostrucionismo, feminismo... Foi a poda das pólas para que a árbore común, a conciencia de clase, puidese ser domada. Mentres non sexamos quen de entender que a conciencia de clase traballadora debe ser o eixo das nosas actuacións seremos cómplices necesarias da nosa derrota. Que sentido teñen as rúas ateigadas de homes e mulleres cando entre eles van os mesmos que poñen as condicións da nosa explotación? Poderían Daniel e Amador ir collidos do brazo do patrón como vai a ministra de Traballo? Claro que non. Preguntémonos por que. As rúas deben ser nosas, pero non para facer de cada mobilización unha festividade inane para o sistema, senón para berrar, para mudar o medo de bando, dignificar as nosas vidas, dar pasos adiante na conquista da futuro, ser nós quen escribamos os manuais de historia. Debémosllo aos que foron e aos que serán.
Nestes tempos convulsos e cheos de mentira tócanos, á clase traballadora, renegar dos falsos discursos de paz que nos fan cómplices da OTAN e do imperialismo americano, falsos discursos que pretenden facernos crer que a palabra paz é patrimonio dos que alimentan a guerra. Nós non cremos na súa dialéctica, nós somos conscientes de que para sustentar o seu poder exercen diariamente a violencia contra nós. A paz chegará cando eles non sexan.

Comentarios