Opinión

12 de outubro, día de loito e de loita dos pobos indíxenas de América

“Rexeitamos o 12 de outubro, o principio de todo o sistema de explotación no continente americano”

Rosa Zurita, india mapuche

A invasión de América ( Abya Yala como o denominan as nacións orixinarías), agora hai 529 anos do seu inicio, provocou un gran holocausto e etnocidio, co exterminio de numerosas nacións orixinarias, a destrución das súas culturas e a escravitude da súa xente. Como por exemplo, en México, onde en 1492 había 30 millóns de persoas, e 70 anos despois, só quedaban 1 millón e medio, por mor dos masacres, a imposición brutal da cultura invasora (co papel clave da relixión católica) e a propagación de enfermidades, coma o sarampelo e as vexigas, introducidas polos colonizadores.

Coa independencia dos estados americanos no século XIX continuou a represión, asimilación e marxinación dos pobos indíxenas. A pesar de todo, non deixaron de resistir en varias loitas e revoltas, durante máis de 5 séculos de dominación por parte das potencias invasoras e os novos estados crioulos, como a loita da nación mapuche, que nunca foi vencida e mantivo a súa independencia do reino de España, ata que os estados de Chile e Arxentina declaráronlles a guerra e ocuparon o seu territorio.

Nos últimos decenios está a producirse unha segunda colonización dos territorios onde aínda viven os indíxenas, a través das empresas multinacionais, en colaboración cos estados americanos, e co apoio do FMI e o Banco Mundial. A través da creación de novas centrais hidroeléctricas, extracción de recursos minerais e privatización das augas destrúen as comunidades e as formas de vida ancestrais. Isto orixinou novas formas de resistencia das nacións indíxenas en todas partes do continente, a fin de sobrevivires. Desde Alaska ata a Tierra de Fuego, érguense esixindo a autodeterminación e o dereito para vivir como o que son, cos seus valores colectivistas e de pleno respecto á natureza. Hai que mencionar as conquistas revolucionarias zapatistas, que conseguiron a liberación de nacións maias de Chiapas.

A pesares dos recoñecementos por organismos internacionais dalgúns dereitos indíxenas, como o dereito á autodeterminación, na actualidade, a maior parte destas nacións seguen a sufrir ameazas e violacións sobre a súa vida e cultura.

Coa Covid, algunhas comunidades foron máis afectadas ao seren máis vulnerables, á vez que no Brasil, foron invadidas moitas das súas terras, vulnerando así a mesma Constitución e os dereitos adquiridos anteriormente grazas as súas reivindicacións. Ao mesmo tempo, no Canadá apareceron miles de restos de nenos e nenas en fosas comúns en internados, onde os levaban durante o último século para separalos dos seus poboados tribais.

A estas alturas, a resistencia indíxena en contra do capitalismo máis salvaxe representa pola súa identidade e organización autoxestionaria e comunitarista un exemplo esperanzador para todos os pobos que loitan colectivamente por unha verdadeira liberdade.

Comentarios