Opinión

Intervención de Alcoa?

Sorprende que exista coincidencia entre traballadores, sindicatos, partidos políticos e a Xunta para premer ao Goberno central para unha intervención temporal/definitiva en Alcoa. Aínda que a intervención/nacionalización de industrias poida ser legal, as preguntas que podemos facer son: Interesa? É viábel económica, ecolóxica e socialmente? Existen outras alternativas de maior interese? Intervir implicaría afondar na descarbonización e modernizar unha planta vella e obsoleta? Pódese coa intervención competir coa China e diminuír a contaminación e o consumo de electricidade, auga etc?

Apuntemos para clarificarnos so algúns argumentos extraídos do “Informe Adega: 5 verdades e 5 mentiras sobre Alcoa. Na procura dunha solución integral para a Mariña”, de xuño 2020:

1. Estratéxica? O feito de ser a única factoría en activo que fabrica aluminio no Estado español non significa que esta sexa estratéxica para o futuro desenvolvemento industrial do país. Se non mudan os parámetros de fabricación do metal, se non moderniza as súas tecnoloxías, se non reduce o seu consumo enerxético que condiciona totalmente o sistema enerxético galego, se non é capaz de dar solución á problemática dos lodos vermellos nin de garantir a descontaminación dos solos nin a seguridade da balsa, se non é competitiva globalmente, se non cotiza no país nin deixa máis beneficio que as rendas salariais, se tampouco ofrece garantías de mantemento dos postos de emprego, se non paga a súa débeda ecolóxica a pesar de estar recibindo permanentemente milleiros de euros de fondos público..., onde está o factor estratéxico?

2. Onde están as industrias de valor engadido? Mentres en Lugo e Galiza cargamos cos custos sociais e ambientais da produción de alúmina e de aluminio, as industrias transformadoras do metal instálanse  noutros lugares do Estado (Madrid, Tarragona, Logroño, Guadalaxara, Sevilla…). As industrias de aluminio secundario (reciclado) e as derivadas do aluminio teñen maiores perspectivas de futuro, son infinitamente menos contaminantes e consumidoras de enerxía que as industrias de produción de aluminio primario, e xeran máis emprego e rendas de capital que fican no territorio de asentamento. Aquí en Galiza poderían abastecer a demanda crecente de aluminio do mercado das latas (conservas, bebidas e alimentos) e mesmo exportar. No ano 2017, a empresa americana Crown Holdings cun investimento de 66 millóns crea unha planta de reciclaxe de aluminio en Sagunto con 112 postos de traballo. En 2018, a Ball Beverage Packaging instala unha nova fábrica en Guadalaxara (Cabanillas del Campo), cunha inversión inicial de máis de 100 millóns de euros e 122 empregos directos…

Aluminio Español S.A. de San Cibrao é das industrias máis contaminantes de Galiza, é a cuarta maior emisora de dióxido de carbono con 419.000 t no ano 2018 e Alumina Española S.A. é a terceira con 647.000 t. Ambas teñen unha gran pegada sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demandan. Serviría a intervención para facer dela unha industria “verde”? Pódese? Canto nos custaría?

Precisamos diversificación industrial, sustentabilidade, aforro enerxético, eficiencia no consumo de auga... industria “sen contaminación” que aproveite, transforme e dea valor aos nosos recursos e ademais cotice no país, o que non fan as actuais multinacionais. Alcoa e outras (térmica de Meirama, As Pontes, Repsol, Ence...) buscaron facilidade para instalarse, gozaron de vantaxes e boas subvencións a fondo perdido (Alcoa con tarifas eléctricas privilexiadas). As multinacionais, traballaron aquí como en terreo conquistado aproveitándose de man de obra barata e materias primas e recursos, favorecidas constantemente por gobernos que as benefician.

Hoxe os traballadores, cuxo futuro se atopa ameazado, son vítimas dunha política e modelo industrial imposto, alleo e obsoleto e que durante moitos anos xerou grandes beneficios á empresa multinacional, esa que agora está calada cando se fala de intervención. A Xunta con competencia en industria, permisiva sempre con Alcoa, alíase hoxe cos traballadores, sindicatos e partidos fronte ao Goberno central. Quen o diría? Pero tirando balóns fóra pode esperar que algún día a multinacional o teña en conta.

Comentarios