Opinión

Comercio de emisións: as empresas prefiren pagar por contaminar que reducir as emisións

A Unión Europea puxo en marcha no ano 2005 o mercado de emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI), coñecido como comercio de dereitos de emisión, pretendía ser un instrumento de mercado creando un incentivo/desincentivo económico para reducir principalmente a contaminación de Dióxido de Carbono (CO2) e asi cumprir acordos Internacionais e beneficiar ao medio ambiente.  Este comercio aplícase as emisións de  centrais térmicas, coxeración, instalacións de combustión de potencia térmica superior a 20MW (caldeiras, motores, compresores…), refinerías, coquerías, siderurxia e ferroaliaxes, cemento, cerámica, vidro , papeleiras e recentemente as emisións do transporte aéreo.

O  dereito de emisión permite a unha instalación emitir gratuitamente unha determinada cantidade de gases invernadoiro a atmosfera, cantidade asignada despois dun estudo técnico pormenorizado  e  nun plan-reparto global  de varios anos (Plan Nacional de Asignación, PNA). A asignación individual a cada instalación apróbaa o Goberno do Estado en Consello de Ministros a proposta de varios Ministerios (Economía e Facenda, Industria, Turismo e Comercio, Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente).

 Como non  coinciden os valores asignados gratuitamente cos valores reais emitidos polas industrias -emisións que teñen un seguimento e son verificadas - este dereito de emisión é transferible e pódese mercar ou vender. Si a empresa emitiu GEI por baixo do valor que o Goberno asignou – gratis- pode vender dereitos no mercado e beneficiarse economicamente, mentres que si as emisións reais están por riba da asignación  (e si non ten “atenuantes”, sumidoiros...) debe pagar  por cada tonelada de CO2 que emite por riba do asignado o valor de mercado. O mercado como a “bolsa” e flutuante, en xuño no mercado de emisións a tonelada de CO2 estivo de media  en 25,24 euros/ t , máis caro que en xaneiro (23,24 euros/t ) e moito máis que en anos anteriores (no 2018 a media anual foi 15,88 euros/t , no 2017 só 5,83 euros/t).

Está servindo o comercio de emisións para reducir as emisións e a contaminación na industria galega?

 Evidentemente e rotundamente  non,  pero vexamos  a situación no ano pasado: 

a) Grandes industrias de moi distintos sectores - ver  datos da Táboa I - emitiron máis do asignado e terian que pagar por iso- chegando a veces a emitir o dobre, triplo ou mesmo dez ou trinta veces máis-. Neste grupo están empresas  de coxeración en Boiro (Boinersa, DDR), Finsa-Padrón, Frinsa Noroeste, Repsol, Ence, Magnesitas de Rubián, Tableros Hispanos, Industrias del Tablero, Forestal del Atlántico, Alcoa Inespal, Alumino Español, Ferroatlántica (Cee, Dumbría e Sabón), Hijos de Ribera, Papelera de Brandía, Industrias Lácteas de Granada -Nadela-, Gestora de Subproductos de Galicia, Compañía Energética para el Tablero, Energyworks Carballo, Epifanio Campo, Reganosa, Bioetanol, Sarval Bio-Industrias, Showa Denko...

Un grupo menor de industrias emiten ese ano por baixo do asignado como:  PSA, Finsa-Fibranor, Finsa-Orember, Celsa Atlantic, Cementos Cosmos, Foresa, Finsa-Santiago, Megasa, Coren...estas industrias puideron vender dereitos e beneficiarse economicamente

Un terceiro grupo de industrias de xeración eléctrica como as térmicas de As Pontes e Meirama  (agora xa excluídas das asignacións gratuítas) teñen que pagar polas emisións de GEI, pero aínda así ate agora non se privaron en absoluto en contaminar e mesmo no 2018 chegaron a emitir 10,18 millóns t CO2-eq, o que representa o 65,5% do total das emisións galegas rexistradas no comercio de emisións. Agora ao subir o prezo da tonelada de de CO2 no mercado de emisións a situación obrigará a diminuir a contaminación.

 b) Si comparamos as emisións de GEI de anos pasados coa situación actual (datos do Inega),  observamos o seguinte:

- No ano 2005 os sectores industriais galegos  tiñan asignado 14,5 millóns de toneladas (t) pero as emisións reais declaradas ese ano foron 17,3 millóns. Só a xeración de enerxía eléctrica asignaranlle gratuitamente 10,8 millóns de t.

- No 2009  os valores de emisión asignados superaron aos valores declarados – foi un dos poucos anos- , mentres que tiñan asignado 11,2 millóns de t, as industrias declararon 10,8 millóns e deles máis de 10 millóns en ambos casos pertencían as empresas enerxéticas -electricidade, combustión/xeración, refinería-.

- No 2013, xa con asignación cero as empresas de xeración de enerxía eléctrica e  o resto de  instalacións con  4,2 millóns de t  asignado, chegaron a declarar 13,9 millóns de t.

- No ano 2017  asignan 3,4 millóns de t e as empresas declaran 16,1 millóns, situación parecida a do ano 2018 que – aínda sen datos oficiais- estaremos na orde de 15,5 millóns  de t emitidas, valor que supera as anualidades de 9 dos 14 anos da serie 2005-2019 cuxas emisións reais oscilaron entre 8,9-17,3 millóns  de toneladas de GEI .

Conclusión. De pouco parece servir asignar dereitos de emisión para  diminuír as emisións e a contaminación das industrias en Galicia. Aquí, moitas industrias e multinacionais están de paso e non están dispostas a mellorar a xestión e gastar en melloras tecnolóxicas para ganar eficiencia e mellorar o ambiente, non importa a saúde e a sostenibilidade. Prefiren pagar por contaminar que  gastar en reducir emisións. 

 Si  o mercado de emisións  pretende ser o principal instrumento  para que o Estado Español e a UE cumpra cos obxectivos de redución de emisión de GEI, pódese dicir que hoxe estarán reducindo emisións noutro lugar porque en Galicia desde logo e rotundamente non.

taboa

Comentarios