Opinión

Tellado, mon amour

Un dos persoeiros da política actual galega que máis admiro é o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Sempre dende o ámbito político, que non do persoal, diría que é un personaxe propio de novela de Oscar Wilde. Ten a estraña habilidade de ser capaz de facer a declaración política máis iracunda e superficial, e que aos 5 minutos ninguén sexa capaz de lembrar o seu nome.

Coas figuras carismáticas que tivo o PPdeG na súa secretaría xeral, agora ten nesa cadeira de poder, alguén disposto a dicir o que sexa, cando sexa, e sen o máis mínimo rubor, mentres é capaz de debullar un universo paralelo para as galegas e galegos, como se alguén o crese. Seguramente os grandes estrategas dos populares, pensan que iso funciona en importantes estratos de poboación, mais mentres iso deseñan, este país sufre unha crise, que coma sempre pagan os que non a provocaron.

Comentarios