domingo 19.01.2020

E agora que?

Pasaron as eleccións municipais, e vistos os resultados, unha análise minimamente seria di que a tendencia á eutanasia do nacionalismo galego, é altamente preocupante

Pasaron as eleccións municipais, e vistos os resultados, unha análise minimamente seria di que a tendencia á eutanasia do nacionalismo galego, é altamente preocupante.

A separación entre as diferentes familias do nacionalismo galego, difusas en mareas un tanto ambiguas, ou en proxectos aínda excesivamente verdes, mais profundamente comprometidos con esta terra, non fai máis que desestabilizar a posibilidade de representación galega nas Cortes españolas, nos previsibles comicios do próximo Novembro.

Non hai demasiadas alternativas... ou xuntamos forzas nunha plataforma que recolla unha certa transversalidade nos que consideramos a Galicia como unha nazón, ou a desaparición de facto do galeguismo na institución estatal, será unha triste realidade da que lamentarnos. A vella tendencia autodestrutiva dos líderes nacionalistas que antepoñen os seus egos e vetos apriorísticos, antes que o interese xeral, fan que algúns emitan fatwas dende o minarete da pureza ideolóxica, mentres a militancia observa rendida a desaparición progresiva de todo aquelo polo que levan tantos anos loitando.

Non me importan vellos vetos de esquerdas españolas, nin de nacionalistas galegos submisos ao tirón mediático de supostos pais da Patria

Chegaron os tempos nos que unha nova xeración de galeguistas e nacionalistas recollan a testemuña, agora en clave aperturista, dos exéxetas da trincheira, e dos gardiáns das esencias dun perfume practicamente rematado. Sen dúbida unha fronte común cun acordo de mínimos, para ter un grupo parlamentario propio nas Cortes, require dun esforzo de flexibilidade, que ao mellor en outros tempos, non era posible. Persoalmente non me importan vellos vetos de esquerdas españolas, nin de nacionalistas galegos submisos ao tirón mediático de supostos pais da Patria. Da xenerosidade e compromiso con esta terra, ten que partir o esforzo colectivo desta nova xeración, que leve a unha representación galega sólida e solvente, máis alá do Padornelo.

En mans de todos e todas vós está centrar o tiro de graza á intolerancia secular de algúns, que conseguiron rematar coa paciencia dos máis comprometidos. A oportunidade é histórica e o vieiro claro. Novos tempos, novos actores, o compromiso de sempre e a xenerosidade de nunca. Do contrario lamentaremos a desaparición política da defensa dos dereitos desta terra aos que moitos consideran unha molesta periferia, cuxa reconstrución levará varias xeracións levantar, cando perfectamente podía alborexar.

Ou non?

E agora que?
comentarios