Opinión

O cerco a Galiza

A ninguén se lle escapa a situación que están atravesando todos os nosos sectores primarios.


A ninguén se lle escapa a situación que están atravesando todos os nosos sectores primarios.
Levamos uns anos nos que as mobilizacións non cesan; cando non son os afectados polas
preferentes, son os emigrantes retornados, a sanidade pública, os músicos de orquestras , os
gandeiros, ou os de Navantia... agora, e unha vez mais, os armadores e mariñeiros do Cerco.
Hai unas semanas, paseando por Portosín, miraba como os barcos do Cerco se preparaban
para saír a faenar. A máquina do xeo e o seu son tan característico sumábase ao do vento tolo
dese día. Outros barcos de artes varias acababan de chegar, eran as 5 da tarde e levaban no
mar dende as 4 da mañá.

Un dos mariñeiros, de mans e rostro curtido da mar, laiábase ante as miñas preguntas sobre as
mobilizacións na zona: “Non, nena, sonche eses de aí, os do cerco... nós somos de artes varias...pero os galegos non che somos unidos, muller; deberíamos estar unidos porque todo o sector da pesca está desaparecendo... mais así somos, bos para os demais, malos para nós mesmos”.

Acampados en Compostela dende hai mais dunha semana, contábanme que non teñen esperanzas de que se resolva a situación pola incompetencia manifesta dos políticos

Do mesmo xeito que non se pode entender esta Terra sen os nosos gandeir@s, tampouco se pode entender Galiza sen o mar nin sen os nosos mariñeiros faenando nel. A práctica totalidade dos pobos da costa vive do mar: Malpica, Sada, Cariño, Ares, Bueu, Vigo, Portosín, ...milleiros de persoas implicadas e afectadas por cada golpe dado ao sector.

Para quen non o lembre, hai un par de anos, o sector de pesca do Cerco manifestouse en Santiago, e deixounos terribles imaxes de violencia policial como resposta dada a unhas reivindicacións mais que xustas. Hoxe, acampados en Compostela dende hai mais dunha semana, contábanme que non teñen esperanzas de que se resolva a situación pola incompetencia manifesta dos políticos; posiblemente, dicíanme varios deles, pasaremos aquí o Nadal, en espera e coa esperanza dun cambio de goberno.

A xente de terra non temos nin idea das cousas do mar e é fundamental informarse coas fontes directas, con eles, coa nosa xente do mar

“O Goberno xoga a desunir... e así estamos, premia a uns poucos para fomentar divisións, e os beneficiados, calan”, contábame un dos afectados. Así é, dende a administración galega promoveuse e fomentouse a desunión, a mentira e as picardías; e a cambio recibiron cero protección fronte ás inxustizas no reparto de cotas... non lles interesa, porque non lles interesa Galiza, só manter as súas cadeiras e os seus soldos e asumir cero responsabilidade.

Estes días, tiven o pracer de compartir pequenos momentos, enriquecedores e informativos, porque, como teño dito en moitas ocasións, a xente de terra non temos nin idea das cousas do mar e é fundamental informarse coas fontes directas, con eles, coa nosa xente do mar.

Aínda que din estar moi agradecidos coas mostras de apoio que reciben, detrás de chanzas e charlas informais, planea a evidente preocupación de todas e de cada unha das familias que están pendentes deles, de cada paso que dan, de cada xuntanza, de cada mobilización.

Cada home acampado en  San Caetano leva consigo as lousas das responsabilidades empresariais, legais, económicas, bancarias e familiares

Os armadores de Acerga teñen responsabilidades, moitas, cada barco leva 10 persoas como tripulación, teñen que pagar seguros, gas oil , nóminas... e multas. Cada home acampado en  San Caetano leva consigo as lousas das responsabilidades empresariais, legais, económicas, bancarias e familiares.

Vaia pois dende aquí a miña admiración e o meu total apoio a todas as persoas, que forman a rede do cerco, rede tecida por armadores, mariñeiros, redeiras, distribuidores...; rede tecida moi fortemente por esas mulleres que están apoiando os seus homes e que por riba da preocupación de ter que manter o día a día na súa casa e no seu traballo, aproveitan calquera oportunidade para mandar mensaxes e darlles (darse) ánimos; e por suposto, na miña mente eses cativ@s, tan orgullosos dos seus papás, porque saben que hoxe non están no barco, senón en Santiago, tratando de defender e lograr un futuro mellor e mais digno... é con eles especialmente que temos a meirande responsabilidade, porque o seu futuro, é o noso futuro, e non lles podemos fallar.

P.D. Responsabilicémonos, dunha vez por todas e sumémonos para entre todos xuntos facer
mais forza e lograrmos mais e mellor.

Comentarios