Opinión

E se Vox asimila o PP?

Vivimos un clima electoral insoportábel. As confrontacións dun bipartidismo insuficiente en votos pero de raigame profunda, onde un PP corrupto e tacticista precisa dos votos que lle aporte Vox para gobernar, fillo ideolóxico e político do PP, que se presenta sen careta para derrogar as leis do aborto, da eutanasia, de educación, da vivenda, negar o cambio climático, a memoria democrática, a lei trans, a do "só si é si", as políticas de igualdade de xénero... Fala de "violencia intrafamiliar" e non de violencia de xénero. Con rotundidade defende a súa ideoloxía racista e xenófoba de expulsión da inmigración, incluso da asentada.

Non é moi diferente do nacional-catolicismo e do españolismo imperialista do PP, que constrúe unha campaña electoral desde Madrid nunha praia artificial escenificando "verano azul". Cun fondo político falso no que se confunden e identifican a propósito os acordos puntuais de grupos parlamentarios soberanistas, parte fundamental do Estado -negados por Vox-, PNV, ERC, Bildu e BNG, necesarios para aprobar leis, teoricamente beneficiosas para a maioría, con pactos de goberno ou de lexislatura. Só hai pacto con Podemos. Alberto Núñez Feixoo defende este esquema. Co seu cinismo político promete, se sae, derrogar todas as leis nas que Bildu votou favorabelmente. Que confusionismo político! Que absurdo disparate político!

Fronte a este panorama, máis alá do escenario, que parece irreal pero que lles funciona, temos achegas de investigadoras como Montse Fajardo, Pepe Álvarez, María Ortega, Chapela e dos familiares de Moncho Reboiras, de Ramiro Paz e de Alexandre Bóveda entre outros, en Pontevedra, que axudan coa lei da Memoria Histórica na visibilización de historias da Guerra Civil que ensinan para non esquecer as atrocidades da guerra fratricida, da gran represión ocultada durante moitos anos na nosa terra, dos resistentes e vítimas da represión cruel, ilegal e ilexítima do franquismo. Pensemos que naturalizar ideas criminais contrarias aos Dereitos Humanos, á dignidade das persoas, lévanos a unha senda sen retorno na que hai moi duras vivencias. 

Hai que denunciar e desenmascarar as mentiras que a ideoloxía de Vox e o seguidismo asimilador do Partido Popular, con Alberto Núñez Feixoo á fronte, poden impoñer.

Comentarios