Opinión

Sedición? Non, desobediencia civil

Jordi Cuixart, presidente de Ómnium Cultural, afirmou e afirma na entrevista concedida a Gemma Nierga na prisión que "o procés catalán foi unha das grandes respostas de desobediencia civil que nos últimos tempos se deu en Europa". O 29 de xaneiro eu sostiña a mesma tese sobre a natureza do procés. É un acto político e público, pacífico de "desobediencia civil". Concordo con Cuixart. 

A desobediencia civil é unha das formas principias de resistencia ó dereito. É a expresión da disidencia colectiva no plano político, non xurídico. É a oposición e insubmisión á lei con obxectivos de xustiza e ben común, determinados en certos casos a través de procedementos democráticos como no caso de Cataluña, protagonizada por asociacións civís e incluso polo seu Parlamento, pronunciándose contra as leis estatais. 

É unha manifestación de presión social, política, democrática e pública, nunca violenta, que busca a repercusión nos medios como instrumento de presión diante das institucións que exercen os agravios. O gran problema da desobediencia civil é que non está articulada legalmente como un dereito expreso, porque a constitución non vai contra si mesma. Porén ten toda a lexitimidade democrática e máis cando esta desobediencia alcanza a través das furnas a metade da cidadanía catalá. A disidencia política é inherente a un Estado democrático que asume os Dereitos Humanos como base da súa actuación. O salto dunha cualificación política como é a desobediencia civil á xudicialización do conflito, acusando así os tribunais de sedición o 1-O, abandonando o plano político da resolución do problema, como fixo Mariano Raxoi e trasladando aos tribunais o conflito, vén demostrar unha vez máis o aliñamento dunha estratexia política do PP, neste caso, co poder xudicial, controlado ideoloxicamente pola dereita, incluso, pola estrema dereita, deslexitimando a este poder xudicial que responde puntual e previsibelmente no senso esperado pola dereita. Lei obsoleta e poder xudicial, ideoloxicamente de dereitas, o resultado a vista está.

"Nun estado democrático non hai sedición. Nos non democráticos toda protesta é considerada sedición"

Diferenciar sedición e protesta social non é doado porque as constitucións desde a modernidade recoñecen o dereito á protesta colectiva. A sedición é un termo penal que procede do Código Penal de 1822 e con pequenas modificacións, a última no ano 1995, aplícase tal cal hoxe, mais en todas hai un elemento definidor que é a violencia. A sedición defínese como "un acto que sen ser rebelión é un acto violento, de forza ou fóra das vías legais, exercido tumultuosamente para impedir a aplicación das leis ou contra das corporacións oficiais ou funcionario público no lexítimo exercicio das súas funcións". É unha lei caduca. 

A disidencia política é intrinsecamente democrática. Para J. Muguerza é o fundamento dos Dereitos Humanos. A sedición e rebelión para Luigi Ferrajoli, un dos máis grandes teóricos mundiais da F. Xurídica, referíndose aos actos do 1-O do procés, sostén que, son "delitos de sospeita" máis propios dun Estado represivo que dun Estado que recolle na súa Carta Magna o dereito de liberdade ideolóxica, de reunión e de manifestación… "Nun Estado democrático non hai sedición". Hai manifestacións, actos de protesta e ser oposición non é considerado sedición. Nos Estados non democráticos todo acto de protesta é sedición. Os indultos son un recoñecemento de que as penas son inxustas e fóra de época. Razóns de "utilidade pública", de conveniencia e concordia obrigan a consideración deste dereito de gracia que novamente contra o tribunal sentenciador, T.S, deben ser totais e non parciais, non condicionados e ampliábeis a todos os encausados/as polo procès para que teña como efecto a paz social.

Comentarios