Opinión

Medios informativos manipulados

Concordamos na importancia da información. Os medios de comunicación son parte da nosa vida cotián. As democracias potencian os medios como imprescindíbeis na vida social. Os e as xornalistas son fedatarios da vida das persoas, indispensábeis para a toma de decisións individuais e colectivas. Determinan as nosas decisións. Desde o S. XIX aceptamos os medios como o cuarto poder. Os poderes políticos saben que a información contribúe á educación social e inflúe nos comportamentos sociais e políticos. Poden ser críticos co poder ou colaboradores, servindo como instrumento de control social.

Núñez Feixoo e o PP manipulan as empresas privadas, editoras de medios de comunicación convencionais, con subvencións e colaboracións opacas directas, "a dedo", con convenios e servizos publicitarios, e até 650 convenios. En 13 anos de goberno, Feixoo pagou 45 millóns de euros para que falaran da súa política. Sen contar os pagos de publicidade en prensa, radio, TV e dixitais. Sen sumar os 1,25 millóns que Rueda, xa á fronte do Goberno galego, pagou a medios con sede en Madrid para o recibimento do seu xefe Feixoo. Nas contas do 2022, dos 2 millóns das axudas directas, un 45%, 893.961,2 euros, foi para La Voz de Galicia. Os outros beneficiarios foron La Región, Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Progreso, Diario de Pontevedra. Leva dez veces máis axudas a prensa en castelán que en galego. Este ano exclúen a Nós Diario, único xornal en galego. Concede as axudas a Secretaría Xeral de Medios, que depende directamente do presidente, de Rueda. A responsábel foi Mar Sánchez Sierra, que a levou Feixoo para Madrid de directora de comunicación do PP.

Nos medios públicos o panorama é desolador. O 13 de maio do 23 foi a 5ª xornada de folga na CRTVG para exixir uns medios públicos, hoxe secuestrados polo PP. É unha folga política que segundo Tiago Alvite, presidente do Comité Intercentros, foi seguida por riba do 70% do persoal. Súmase esta folga ás protestas dos Venres Negros, 261 xa, contra a represión e secuestro informativo da Xunta. Esta é unha situación que condiciona o pensamento crítico e a libre formación da opinión social, que recibe mensaxes trabucadas, mentireiras en beneficio do PP.

Comentarios