Opinión

Máis sobre a moción de censura

Morto Franco o 20-N de 1975, con cinco fusilamentos, tres do FRAP, dous de ETA e o asasinato do noso Moncho Reboiras, a oposición organiza a súa alternativa. En xaneiro de 1976 preséntase o Consello de Forzas Políticas Galegas, integrado pola UPG, que o promove, AN-PG, PSG, PGSD e MCG. En abril do 76, publícanse as Bases Constitucionais para participar a Nación Galega nun Pacto Federal. Mais non haberá ruptura. As forzas políticas españolas crean a Mesa Democrática de Galicia.

Non están os nacionalistas. Non hai proceso constituínte e si control franquista disfrazado. Un Parlamento non elixido sentou as bases fundamentais para un cambio dirixido con principios moi claros: España é unha e ademais monárquica. No 77, o Parlamento franquista aproba a Lei de Reforma Política. Esta é o eixo da nova reforma política do 78. Na Galiza, non foron aprobados nin a CE (50% votantes, 89% si), nin o Estatuto (28,17% votantes, 20,80% si). 


A recente moción de censura cun candidato histórico, catedrático de Estrutura Económica e do antigo PC, non é casualidade. Vén recordarnos os principios que sustentan a concepción política derivada do xacobinismo Borbón do s. XVIII: unidade da patria española e monarquía, presentes na transición. A chamada transición democrática convértese en principio e fin. A CE é incambiábel.

O desprezo non disimulado do candidato polas nacións "periféricas" chegou a cuestionar a presenza dos soberanistas nas Cortes. A. Esteban demostrou numericamente que calquera escano nacionalista representa un número maior de cidadáns que os de Vox A moción de censura, esperpento vallinclanesco, consagrou a continuidade das ideas inamobíbeis que conforman o que Y. Díaz chama insistentemente "mi país, mi país", referíndose sempre a esa España, unha. Sánchez, discreto, necesitado dos apoios dos "periféricos". O señor Feixoo, como número 1 da dereita, como Tancredo que contenta ao príncipe Fabrizio. É o "moderado político" que contenta os capitalistas da dereita e extrema dereita co lema "cambiar todo para que nada cambie". O señor Tamames fíxose o harakiri ritual aos 89 anos. 

Unha moción de censura que atinadamente cualificou P. García Negro de esperpento do "españolismo radical".

Comentarios