Opinión

Gobernemos nós a nosa terra (1)

O 22 de Marzo do 2020 Feixoo afirmaba “temos necesidade imperiosa de material sanitario, de todo: de protección, tests, respiradores, material UCI e material de hospitalización,…”. Esixía medios ao goberno central español. Catro días máis tarde a presidenta da comunidade de Madrid agradécelle o envío dun lote de respiradores. Feixoo diante das críticas de oposición e sanitarios/as, replica “Galiza por agora non os precisa” e sostén “fixémolo e volveriamos facelo”. Un día máis tarde, o CHUO solicitaba axuda ás clínicas privadas para atender as súas necesidades (2). Solidariedade? Non, é unha falsa solidariedade. É abandono da súa responsabilidade.

É priorizar os apoios ao seu partido, fronte as necesidades da Galiza. É un presidente interino que actúa como un ditador “ordeno e mando”, sen control parlamentar, cun executivo en funcións. Falamos de solidariedade, mais, que entendemos por solidariedade, cando se cuestionan os dereitos nacionais? Falar de soberanía parece falar de insolidariedade, como falar de soberanía cun problema de pandemia? É mexar fora do tarro. Pois ben, primeiro diremos que non hai globalización, hai globalizacións, en plural. Na recentralización que estamos a vivir, gobernados desde un poder que utiliza o medo colectivo como técnica de control social, asumida a españolización, polas dereitas e polas esquerdas, é necesario reflexionar diante dun (novo?) sometemento interior que estamos a aceptar. É unha situación que revela como as solucións non son simétricas cando a situación e asimétrica. Efectivamente, existe un perigo local que se fixo global. A solución ten que vir dunha resposta científica (antivirais, vacinas) que abranga todo o mundo, que sexa global, porque hai dereitos humanos que son (L. Ferrajoli) “indecidíbeis”, é dicir, “non decidíbeis” polos votos, porque son dereitos da humanidade, non dependen da vontade da maioría, mais da “garantía de todos”, da garantía da loita pola igualdade, pola non discriminación, pola saúde… É necesario unha maior cooperación mundial para ter éxito contra os virus presentes e futuros, non só contra a COVID-19. Esta tese implica que “cada país poida seguir decidindo sobre o decidíbel” (L. Ferrajoli).

É mais, as nacións sometidas, dependentes como Galiza evidencian nestas situacións a súa gran debilidade. Moito máis cando o control político, económico e social está nas mans dun grupo político centralista, que se apoia nesta idea de globalización que os poderes blindan. Poderes como os medios de comunicación ás veces ben pagos. Feixoo destinou nos nove últimos anos de mandato 21,6 millóns de euros á prensa; La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Opinión, … desde a Xunta fixeron 400 convenios de colaboración coa prensa (Público, 17.6.2018). Falar de globalización sen máis é falar dun imperialismo secular (Amartya Sen, P. Bourdieu), que explota os marxinados da terra en beneficio dos grandes trust económicos, políticos, sociais e, ao fin, ideolóxicos. Pero distingamos a globalización intercomunicativa, solidaria, “desde abaixo” ( B. de Sousa), da globalización do “universalismo do mercado”, é dicir, a globalización “desde arriba”, que deslocaliza capitais, desregula o mundo laboral, reduce sectores: sanidade, ensino, asistencia social. Destrúe as conquistas dos estados sociais, favorecendo as privatizacións. É o neoliberalismo global. Este universalismo funciona como algo “natural” contraposto ao “non natural”, ao irracional, por exemplo, ao dereito a ser dono dun mesmo, a ser soberano nas decisións que beneficien o pobo das nacións como Galiza. Hoxe a solidariedade universal da ciencia, a cooperación mundial, é a única que pode axudarnos a triunfar contra os virus, contra a COVID-19 hoxe ou as pandemias futuras. Denunciamos así a falsa solidariedade de Feixoo, quen desmantelou a sanidade pública galega, reducindo 970 camas hospitalarias, e deixando os traballadores e usuarios da sanidade e das residenciais de maiores, sen medios de protección fronte ao virus. A privatización das residencias de maiores foi premiada e subvencionada con 65,7 millóns de euros. Hoxe, máis de 46% das mortes rexistradas na Galiza son destes residentes.

Por todo isto seguimos a reivindicar: Gobernemos nós a nosa terra.

1.lema do BN-PG nas primeiras eleccións democráticas dos anos 70. Retomado polo BNG nas elección a Xunta do ano 2012 .

2.– Xacobe Ferreiro, Nós Diario, cuarta feira 8 de abril 2020.

Comentarios