Opinión

Defendamos o noso mar. Coidemos as nosas rías

O complexo mar-industria comprende non só pesca senón tamén marisqueo, acuicultura mariña, conservas, depuradoras… O seu impacto económico inclúe en frigoríficos, estaleiros, efectos navais, redeiras… Servizos xurídicos e portuarios, asesoramento, transporte… (G. Rodríguez).

É dramática a imaxe das numerosas mariscadoras da ría de Noia diante dos croques e ameixas mortos nestes días. A mesma imaxe das mariscadoras da Illa de Arousa ao toparse cos berberechos (croques) e ameixas mortas na súa ría.

Logo dun traballo de limpeza, coidado, sementeira e vixilancia ao longo do ano das súas praias. A imaxe era de desolación e impotencia. Estas mulleres cos seus sachos, cubos, aparellos, botas de goma e roupa de augas. E digo mulleres porque son elas as que mariscan a pé, traballadoras en condicións moitas veces difíciles. Elas pedían axuda para resolver a situación. Temos unha riqueza natural nas nosas rías que nos exixe coidalas. Pedían estas mulleres que se investigasen as causas da mortaldade.

Que se puxesen os medios para resolvela. Asumindo a falla de salinidade das augas do mar polas moitas choivas, pero tamén polo maltrato que lle damos ao mar, "todo vai parar a el", din, polo baleirado dos encoros… Porén, a Xunta de Galicia é responsábel do deterioro das rías, apoiando industrias contaminantes como Ence na ría de Pontevedra1 ou a mina de San Finx e as súas verteduras á ría de Noia.

Está a redactar unha nova Lei de Ordenación do Litoral, porque agora, curiosamente, quere ordenar a zona terrestre e intermareal como a mariña, exixindo a Madrid o autogoberno pleno da franxa da costa, na que contempla dende explotacións tradicionais até o uso turístico do litoral con previsión de rehabilitación de espazos litorais en desuso para urbanizalos.

Mais Bruxelas, a Comisión Europea, está xa a incoar expediente a España por prorrogar, sen xustificación, a 75 anos industrias nas costas  contra a normativa da UE (Pérez Lema).

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

1. Ence paga 6,03 millóns de Imposto de Sociedades en Madrid e 157.000 na Galiza (X. Ferreiro). Foi condenada pola Audiencia Nacional en 2002 por delito ecolóxico. Xerou 143,5 toneladas de residuos perigosos en 2021 para auga, terra e aire (C. Varela).

Comentarios