Opinión

Das relacións entre poder xudicial-poder político

Unha conversa co queridísimo amigo e compañeiro de compromiso político de hai moitos anos e dos anos duros do franquismo, Nemesio Barxa, fíxome reflexionar sobre o protagonismo do poder xudicial nestes tempos e diante das graves sentencias polos acontecementos sucedidos en Cataluña.

A pregunta sempiterna é: quen controla os controladores? Asistimos a un protagonismo do poder xudicial que resulta rechamante. Os máis graves conflitos políticos semellan ser resoltos desde o Dereito como garante de “neutralidade” e “obxectividade”. A dereita e ultradereita acoden como última ratio aos tribunais diante de calquera actuación política da que non gosten, e estes responden, en moitas ocasións, con rapidez e de forma axeitada para eles. Fálase da independencia do poder xudicial, mais, en non poucos casos, esta independencia non parece ser tal. A orixe desta situación está na Constitución do 78 (CE). A CE no art. 1.1 do Título Preliminar, di que España se constitúe en  Estado Social e Democrático de Dereito e defende os valores superiores, entre eles a xustiza. Esta norma está inspirada no art. 20 da Lei fundamental de Bonn de 1949 onde Alemaña se define como Estado Federal, Democrático e Social. Unha das características históricas dos Estados de Dereito liberais é a división de poderes, poderes desde a Ilustración: lexislativo, executivo e xudicial. O Estado Constitucional de Dereito, herdeiro do estado liberal de Dto. recoñece desde entón a independencia xudicial como garante da aplicación imparcial da lei e do control xurisdicional do poder,  consecuencia dun parlamento elixido democraticamente. Mais a independencia real do poder xudicial cuestionase no Título VI que trata do Poder Xudicial, no art. 122.3, di que o Consello Xeral do Poder Xudicial é o órgano de goberno formado “polo Presidente do Tribunal Supremo e 20 membros dos que 12 son xuíces ou maxistrados e 8 serán avogados ou xuristas propostos 4 polo Senado e 4 polo Congreso, elixidos polos tres quintos. O 123.2 dispón que o Presidente do Tribunal Supremo sexa proposto polo CXPX. O art. 124 trata do Ministerio Fiscal, que ten asinado “velar pola independencia dos tribunais…”. O 124.4 afirma que o Fiscal Xeral do Estado será nomeado polo rei, a proposta do goberno e oído o CXPX. Con este articulado a dependencia do poder xudicial do poder político queda promulgada e legalizada. De tal maneira que o partido que goberne é o que ten o control da política xudicial, dominando os órganos superiores deste poder... Falemos da Fiscala ou do Fiscal Xeral .O modelo de designación polo poder executivo está copiado das constitucións occidentais, Alemaña, Francia, Italia, EEUU... Pero hai que falar do Tribunal Constitucional, art.159 CE, composto por 12 membros, 4 a proposta do Congreso, 4 polo Senado, con maioría de tres quintos dos seus membros, 2 polo goberno e 2 polo CXPX. Pode ser calquera xurista, profesoras ou profesores da universidade, maxistrados, fiscais, funcionarios públicos e avogados. Deben ter “recoñecida competencia con máis de 15 anos de exercicio profesional”.  

As relacións co poder político están santificadas pola CE do 78. Mais o que na práctica estamos a comprobar é o inmenso poder do Poder Xudicial porque, salvo o rei que está blindado pola mesma CE, as xuízas e xuíces e as maxistradas e maxistrados poden inutilizar as políticas elixidas democraticamente, poden inhabilitar as institucións representativas da “soberanía popular”. Mais, quen controla os controladores? Asistimos ultimamente a un poder vampiresco do poder xudicial, que devora e destrúe os outros poderes. A xudicialización da vida política e social cuns tribunais controlados desde un poder político de dereitas e extrema dereita conduce, como estamos a vivir, a un estado de dereito constitucional inxusto e moitas veces corrupto. Onde se un partido non quere participar no cambio legal dos compoñentes das institucións que dirixen o poder xudicial non haberá cambio, porque precísanse as tres quintas partes do senado e do congreso para renovar estes cargos e se, a pesar de cumprirse o tempo do seu mandato, non renuncian eles mesmos, poden estar en funcións, organizando e nomeando os cargos para ocupar prazas nas altas instancias xurídicas, as que controlan a política xudicial, como é o caso de Lesmes nomeando os integrantes da Sala Penal do Supremo, onde se xulgan os actos do Procés. Lesmes está en funcións desde decembro de 2018, en que cumpriu o tempo do seu mandato.

Por todo isto, o meu querido amigo ten razón cando sostén que hoxe parece que nos goberna o poder xudicial e nos preguntamos: Quen controla os controladores?

Comentarios