Opinión

A danza das árbores

Opinión

A danza das árbores

Habitualmente podo pasar unhas 80 ou 100 noites ao ano a durmir tendo como único teito as estrelas, cando non intermedian as nubes pangalaicas. Mais non con tanta frecuéncia teño sido testemuña da danza das árvores.

Habitualmente podo pasar unhas 80 ou 100 noites ao ano a durmir tendo como único teito as estrelas, cando non intermedian as nubes pangalaicas. Mais non con tanta frecuéncia teño sido testemuña da danza das árvores. É como un baile que, mormente, os carvallos executan en noites de vento sostido, firme, de refachos por momentos, mais nunca o suficientemente belicoso como para tronzar, esgazar ou infrinxir danos sérios á floresta.

<"As copas dos carvallos, que en comunión procuran o seu sustento, que en sociedade conviven baixo a tona dos marmúrios da sua ramaxe e da sua comunidade animal, viran tolas, abanean sen compás". 

A danza das árvores, contemplada na horizontal (no chan, a ser posíbel no saco de durmir) e tendo como pano de fundo o luar, é espectacular. As copas dos carvallos, que en comunión procuran o seu sustento, que en sociedade conviven baixo a tona dos marmúrios da sua ramaxe e da sua comunidade animal, viran tolas, abanean sen compás. Virada unha para un lateral, achega-se e aparta-se ao instante da lindante máis próxima. Cada árvore parece danzar melodías distintas, nen sequer a conxunción da atmosfera masiva, por segundos, en lostregadas de ar, consegue que as copas sobranceiras bailen o mesmo son. Por casual, pode parecer que algún carvallo manteña relacións de cumplicidade con algún viciño, porque parecen abanear sintéticamente en pasos fugaces, parellos, cuase fundidas as ramalladas de cadaquén. Mais é só un instante. Nese momento podemos apreciar a debilidade do bosco, o luar entra e ilumina o chan cuberto de brións, como a luz dunha farola proxectada no alcatrán da cidade. Amaina o ar e a nova melodía pon fin ao “agarrado”, para facer imperar o baile solto. As copas tornan ailladas entre si, a leve presión do ar manten-nas no seu sitio individual, cada unha rexenta un pedazo de ceo. Se a venteira non deriva en galerna, a floresta recuperará o seu aspecto de sociedade común, integrada, e as copas seguirán a albiscar desde as suas posicións privilexiadas, o domínio do bosque, deitando algunha landra para os pequenos ratos que fedellan nas follas caídas.

Gostaría da galerna tronzar as copas, esgazar as ponlas que se esforzan por gatuñar ás alturas, sementar quintais de landras á espera do aluvión que nos eleve doutravolta, cas follas novas, ás alturas da liberdade, onde as danzas só poden ser á vontade. 

comentarios