Opinión

Cásting de patriotas

Os espectros de Castelao e Rosalía concidiron unha tarde na beiramar de Arousa para presenciar a regata de dornas que por enésima edición celebraba a asociación local para a recuperación da cultura marítima. No peirao da illa, coincidiron tamén nas súas visións pesimistas acerca da situación do país e das organizacións criadas para o defender.

Os espectros de Castelao e Rosalía concidiron unha tarde na beiramar de Arousa para presenciar a regata de dornas que por enésima edición celebraba a asociación local para a recuperación da cultura marítima. No peirao da illa, coincidiron tamén nas súas visións pesimistas acerca da situación do país e das organizacións criadas para o defender. Así que acordaron un pacto. Ambos pasarían revista aos cadros dirixentes actuais do nacionalismo galego. Daniel ocuparíase das mulleres. Rosalía dos homes. Déronse de prazo un mes para entrevistar dez persoas cadaquen. As citas serían en privado. 

"Ambos pasarían revista aos cadros dirixentes actuais do nacionalismo galego. Daniel ocuparíase das mulleres. Rosalía dos homes. Déronse de prazo un mes para entrevistar dez persoas cadaquen. As citas serían en privado". 

Castelao comezou por Olalla Rodil, porque Alba Nogueira estaba seguido nas tertúlias da galega ou de Irmandade TV e Ana Pontón non saía do Parlamento e andaba seguido cos chíos do teléfono. A ver Olalla, díxolle. Ti es unha rapaza ben espilida, e parece que ves sendo unha aposta firme para o futuro. Eu??? Fíxose a tola a da Ribeira. Si ti, ti, non fagas a parva. A ver, por iso das cotas de xénero, quen queres que vaia contigo na dirección da organización? Pois..... - dubidou que tratamento debía empregar para con aquel espectro senlleiro-. Pois, Sr. Castelao, lévome mui ben con Aurélio Lopes, coido que faríamos un bon equipo. Aurélio Lópes?? –perguntouse Castelao, pensando en se Rosalía o tería na sua listaxe de entrevistas. Vale, hei de falar coa miña sócia para que teña presente esa elección túa. Tes unha lúa para ordenares a vida antes de pó-la ao servizo dos fins máis elevados e gloriosos da liberación da Pátria. 

Mentres Castelao andaba na procura do momento máis oportuno para entrevistarse con María Osório no cárcere de Mansilla, Rosalía foi direitiña visitar ao Hadrián Mosquera “Senlheiro” ao cárcere de Villabona.  Meu amoriño! díxolle Rosalía ao de Quistiláns. Cando saias da pensión has ser o encarregado de afirmar a urdime que Castelao e máis eu estamos a argallar para a nosa terra, teraste que multiplicar e sobre os teus ombreiros ha descansar a futura organización. Non te preocupes de nada. Vou de seguido falar con Paco Rodríguez e xa llo explico. Camilo non ha de pór nengún problema e xa fala co Vence. Para o final deixo ao Bieito, así que fale co recomendado de Castelao, un tal Aurelio Lópes, por certo, sabes algo del?  Senlheiro ladeou a cabeza, como para favorecer o procesamento de ideas, e cando pronunciaba a primeira sílaba, xa Rosalía marchara onda o de Vigo. Esa precipitación rosaliana, ese bulir, fixo que o espectro da de Ortoño se aparecese a milleiros de telespectadores do Debate. Trazaba Aurélio Lópes envolventes sobre Gloria Lago, cando a pantasma de Rosalía pousou a man no seu ombreiro e dos micros todos do plató saeu un nítido “a ver neniño...” Rosalía, sabedora da sua indiscreción, reabsorbeu a sua proxección astral e desapareceu do plató mentres a filla do envenenador comezaba a parecerse á nena do Exorcista. Decideu entón ir para a casa de Manolo Gómez, un vello ex-militante da UPG de Amaía, non sen antes cavilar en cómo habería de aparecerlle, pois padecía do corazón. Sincronizouse con Castelao, que nese instante ía consultar con Pilar Martínez, experta traballadora psiquiátrica e amiga do primeiro. 

"Son o espectro de Rosalía, Castelao e máis eu estamos a traballar nun plan para salvar o país. Queria a tua opinión. Vaite hó!!! Non hai nada que facer..., se inda viñeras cunhas tesouras de podar botábasme unha man aqui coa uveira, que xa non da uvas..."

Manolo Gómez, na terraza  do seu bar, podaba as uveiras e as quiveiras do emparrado, un pequeno espazo onde tradición e modernidade levaban dez anos de encarnizada loita. Reparaba nos pequenos gurgullos das avelaneiras cando do outro lado daquela ponla lanzal apareceu Rosalía. E ti qué queres? Pónteme fóra.... dixo Manolo confundindo a Rosalía cunha viciña do Castiñeiro do Lobo que andaba de esmolante. Son o espectro de Rosalía, Castelao e máis eu estamos a traballar nun plan para salvar o país. Queria a tua opinión. Vaite hó!!! Non hai nada que facer..., se inda viñeras cunhas tesouras de podar botábasme unha man aqui coa uveira, que xa non da uvas...

Castelao encontrou na Pilara unha perfecta compaña para perderse entre o nevoeiro máis espeso do fume de tabaco. Disque Anxo Quintana está preparando un exército civil para esta fase da liberación nacional, espetoulle Pilar ao de Rianxo, encadeando a última sílaba cunha sutil inspiración de nicotina. E tamén está o fillo de Cuiña, seica ten amizades influintes, susurrou mentres axexaba.... Castelao deulle unha chupada ao seu cigarro e afirmou rotundo “xa me dixeran que eras unha artista facendo perguntas, pero non vou falar mal de compatriotas compañeiros na loita”. Saca home, saca, saca de aí Castelao, non sei como te houbo de aguantar a santiña da tua Virxínia. Esa xente non vale para nada, eses todos dos que falas e non falas non saben o que é o povo, non falan co povo nen para o povo. Qué povo van liberar? Maruxa! Maruxa!! Berroulle Pilar á filla. Baixame por tabaco que este Castelao é un vicioso... 

Así é que á metade das consultas, vendo que a parróquia andaba ausente, ensimesmada ou gozando de férias pagas polo ministério do Interior hespañol, Castelao e Rosalía xuntáronse á beira do Sarela. Aí arriba vive o mendicante que goberna Galicia, dixo Rosalía. Deixate de trasnadas, xa sei por onde vas, retupou Castelao. Indo ao caso. Ás portas da sede do Bloque, cando me ía encontrar con Goretti Sanmartín, un electricista que traballaba na catedral, que seica é capaz de ver mortos, paroume e perguntoume qué andaba a facer por Santiago. Conteille a nosa misión. Faloume dun rapaz que traballa con cousas modernas, tecnoloxías da información chamanlle, aló perto da catedral. Vamos.

"Na organización máis forte hai bastante xente intelixente. A certo nivel, escasea o compromiso altruísta. A empatía social é case nula. Por riba do nivel 50 só aparecen 7 nomes, todos descoñecidos".

Entraron á comisaría de policía, onde traballaba o único infiltrado nas forzas e corpos de seguridade do Estado que tiña o nacionalismo galego sen sabe-lo. O rapaz, un tal Vicente, prometeu aos dous espectros non dicir nada da conversa. Queremos saber cales son os militantes máis valiosos do nacionalismo galego actual, espetoulle Rosalía. Pois mira, teño pirateado o programa que usan os chefes. Chamase “Quest for rebels” e ten unha adaptación galega que fixo un coñecido escritor da terra, vedes: “Gallegos”. Funciona introducindo tres variábeis: intelixéncia, compromiso altruista e empatía social. Seleccionamos organización nesta xanela e prememos “procurar”. Mirade. Na organización máis forte hai bastante xente intelixente. A certo nivel, escasea o compromiso altruísta. A empatía social é case nula. Por riba do nivel 50 só aparecen 7 nomes, todos descoñecidos. Nas seguintes tres organizacións a intelixéncia é menor. Hai unha na que o compromiso altruísta cae polo chan e outra na que sobe polas paredes, en contraste coa intelixencia, que non se encontra. Todas teñen empatía social ínfima. E o cómputo global non supera desde hai decénios o nivel de alerta.

A ver Rosalía, qué facemos agora? Que sei eu Castelao. Que nos diga este rapaz, que parece mui espabilado. Ti que farías neno? Intentade o de sempre nestes casos, dixo o noso infiltrado mirando por riba dos seus óculos. Facedes un manifesto, poñedes os vosos nomes primeiro e con quen se apunte, montades o chiringuito. É o que se leva facendo desde hai máis de 30 anos. Castelao e Rosalía tomaron os bolígrafos. A pesar da sua determinación, o semblante sério deixaba adivinar o pouso de tristura. A evanescéncia da sua natureza astral impedíalles manipular os bolígrafos. Tentaron por varios médios, mesmo soplando. Non había forma. Así que, finalmente, o manifesto ficou encabezado por un tal Anxo Quintana.

Comentarios