Opinión

Loitamos no presente para ter futuro

Nestes días cómpre lembrar a importancia e os motivos que nos deben levar a acudir á xornada de loita que é o 1º de maio, Día da Clase Traballadora.

Temos que saber que nada nos foi regalado nin que as reclamas das traballadoras deste país non se conseguen con pactos cunha patronal que só pretende destruír os nosos dereitos para ampliar o seu beneficio.

A mocidade traballadora galega levamos moitos anos a vivir unha situación de verdadeira emerxencia. Precariedade, temporalidade, desemprego, baixos salarios e emigración son a norma na vida das mozas deste país, e impídennos acadar unha independencia económica coa que desenvolver a nosa vida na terra de xeito digno.

Unha das consecuencias máis palpábeis desta precariedade laboral e desemprego vémolo na continuada expulsión da mocidade galega cara a outros lugares: a emigración xuvenil afastou do noso país a preto de 100.000 mozas galegas na última década. Segundo o informe sobre o fenómeno da "fuga de talento" publicado polo Foro Económico de Galiza, perdemos entre 178 e 311 millóns de euros ao ano en concepto de investimentos na formación das mozas que se ven obrigadas a emigrar. Apunta tamén que esta emigración da mocidade supón a creación de 315 pequenas empresas menos cada ano, así como tamén uns 1.500 nacementos menos por ano. Este país é quen soportar esta situación por máis tempo? Ademais do devalo demográfico que non cesa, dunha crise industrial sen precedentes, tan só un 17% da mocidade galega é independente economicamente, mentres que dous terzos das mozas menores de 30 anos temos que recorrer a seguir vivindo na residencia familiar por non poder acceder a unha vivenda.

Mais nestes informes non se recolle a realidade dunha gran parte da mocidade. Centos de mozas que quedaron fóra dos ERTE debido á temporalidade ou á irregularidade nos contratos que se ven obrigadas a asinar. Iso no caso de teren contrato. 

E agora Feixoo e o Partido Popular escúdanse na coartada barata da Covid-19 para xustificar as problemáticas da mocidade galega. Coma se fose o virus o causante de todos os males que vivimos. A crise sanitaria veu para afondar e acelerar a folla de ruta do gran capital no noso país. Unha folla de ruta destinada a acadar unha maior extracción de plusvalía a través da dixitalización do mundo do traballo, do desmantelamento industrial e dunha dependencia absoluta do sector servizos, nomeadamente da hostalaría.

Mais cal é a resposta do Goberno galego ante a situación desesperada que vivimos as mozas galegas? Absolutamente ningunha, tan só unha complicidade explícita coas culpábeis deste realidade. O goberno da Xunta de Galiza non aposta pola mocidade, non aposta por un futuro para o noso país.

Persoalmente, fártame escoitar a copla de que o Partido Popular non ten un proxecto para Galiza. O PP ten un proxecto clarísimo para Galiza: vendelo anaco a anaco até converternos no país dos servizos, no país dos Xacobeos e do turismo de baixo custe.

Tal e como comezaba, nada nos foi regalado nunca. As reivindicacións e as reclamas da nosa clase non caen do ceo nin son outorgadas por gobernantes aboadas á folla de ruta do capital. É por iso que a mocidade debemos ter un papel fundamental na loita nas rúas. É hora de reaxir e non deixarse levar por cantos de sereas de pactos sociais nin polo esgotamento derivado da situación pandémica alentada polos medios de comunicación.

O nacionalismo xuvenil organizado estamos nestas datas na rúa, reclamando o que nos pertence como mozas, como galegas e como traballadoras, facendo chegar as nosas propostas a toda a mocidade que quere ter un futuro digno na nosa terra e que entende que só as medidas que parten da nosa realidade específica poden mellorar a nosa vida. Este 1º de maio, a mocidade traballadora galega debe ser a punta de lanza da mobilización social. Debemos ser nós quen loitemos polos nosos dereitos, sabendo que somos o futuro pero tamén o presente e se non se actúa no presente, non haberá futuro polo que loitar.

Este 1º de maio, a mocidade saímos á rúa na defensa de Galiza, na defensa do noso futuro.

Comentarios