Opinión

Autogoberno e democracia

Este 25 de xullo moitos galegos e galegas, organizacións políticas, sociais, sindicais e cidadanía en xeral, sairán ás rúas para festexar de moi diversas formas e con moi diversos formatos o Día Nacional de Galicia, o día da Patria Galega, onde poder reivindicar algo tan sinxelo –e mesmo tan humano- como a demanda de querer vivir nun País normal e nunha sociedade normalizada. Un día no que poder expresar de xeito cívico e democrático a pertenza a un País, a adhesión a uns sinais de identidade que unen e que enriquecen á cultura universal con pequenos -mais enormes- anacos de creatividade dunha cidadanía consciente e que non quere resignarse a vivir nese mellor dos mundos posibles.

Este 25 de xullo moitos galegos e galegas, organizacións políticas, sociais, sindicais e cidadanía en xeral, sairán ás rúas para festexar de moi diversas formas e con moi diversos formatos o Día Nacional de Galicia, o día da Patria Galega, onde poder reivindicar algo tan sinxelo –e mesmo tan humano- como a demanda de querer vivir nun País normal e nunha sociedade normalizada. Un día no que poder expresar de xeito cívico e democrático a pertenza a un País, a adhesión a uns sinais de identidade que unen e que enriquecen á cultura universal con pequenos -mais enormes- anacos de creatividade dunha cidadanía consciente e que non quere resignarse a vivir nese mellor dos mundos posibles.

"Algunhas organizacións, como Compromiso por Galicia, quere apostar por tecer complicidades e seguir a construír unha alternativa de goberno ao que a día de hoxe existe na maioría das institucións galegas".

Este 25 de xullo vén marcado por un contexto moi convulso en todos os ámbitos: un ano despois da triste traxedia de Angrois, cun panorama internacional inzado de conflitos, xenocidios, morte e impunidade; unha Unión Europea incapaz de construír un espazo político de seu e atrapada na súa propia trampa da austeridade cunha crise económica aínda aguda e que segue a empobrecer aos máis e enriquecer aos menos. E un Goberno do Estado español intolerante, pechado ao diálogo, manifestamente corrupto e podre, monocorde, incapaz de recoñecer (máis outra vez), o seu carácter plurinacional e que ten deconstruído nestes últimos meses décadas de avances sociais: conxelación dos soldos, aumento de xornadas laborais, redución de axudas a I+D+i, paralización na aplicación da Lei de dependencia, supresión da renda básica de emancipación, reforma fiscal inxusta, copago farmacéutico e medicamentazo, retrocesos nos dereitos sanitarios dos inmigrantes, das mulleres, suba das taxas xudiciais e das universitarias, recentralización de competencias e nulo respecto pola nosa lingua e cultura.

Ante este panorama algunhas organizacións, como Compromiso por Galicia, dende a súa evidente humildade mais coa forza das súas xentes e do compromiso co País, quere apostar por tecer complicidades e seguir a construír unha alternativa de goberno ao que a día de hoxe existe na maioría das institucións galegas. Buscar puntos de encontro e de confluencia con actores políticos e cunha cidadanía descontenta e desencantada que quere propostas cribles, sensatas e razoables que xeren riqueza, prosperidade e benestar. É probable que se tenda a menosprezar este traballo cunha visión máis a longo prazo, por non ser efectista nun momento de crise coma é este, e que sexa moito máis fácil romper en lugar de traccionar, dividir en lugar de sumar, confrontar en lugar de xuntar. Pero Compromiso naceu con esa misión, e seguirá turrando para axudar a construír, dende a súa propia identidade,ese lugar central e de encontro para unha maioría social, no que se chegue a acordos con dúas premisas básicas: autogoberno e democracia.

"Compromiso naceu con esa misión, e seguirá turrando para axudar a construír, dende a súa propia identidade,ese lugar central e de encontro para unha maioría social, no que se chegue a acordos con dúas premisas básicas: autogoberno e democracia"

E baixo estes conceptos, animamos a celebrar este día 25 de xullo, animamos a participar a toda a cidadanía destes actos do Día Nacional de Galicia para reivindicar que somos unha nación europea, aberta ao mundo, que quere colocar o seu grao de area para a construción dunha sociedade máis plural e xusta, e onde tamén demandemos a necesidade dunha reforma constitucional que serva para modernizar as institucións políticas do Estado e que recoñeza o seu carácter plurinacional, e que na mesma sexa recoñecida Galicia ao mesmo nivel que Catalunya e Euskadi. E tamén para reivindicar ademais de autogoberno, máis e mellor democracia, moita democracia, democracia radical e real, porque ante o deterioro institucional e o alonxamento cada vez maior da cidadanía a respecto das institucións públicas, derivado dos numerosos casos de corrupción política, as institucións e os partidos debemos ser máis abertos. Con procedementos coma as primarias abertas á cidadanía, e con procesos electorais con menor control partidario, apostando polas listas desbloqueadas e brancas, e outros como a flexibilización das iniciativas lexislativas populares e maior redención de contas dos cargos públicos. En definitiva, empoderar á cidadanía.

E nese binomio é onde está o espazo do compromiso, e onde se poida recoñecer unha maioría de galegos e de galegas: porque a capacidade de transformación vese obxectivamente reforzada se es quen de acumular unha maioría de poboación arredor dun proxecto. Con persoas con conviccións e honestidade, transparentes, éticas e traballadoras, e cunha cidadanía que incida nunha boa xestión, onde a corrupción sexa por fin desterrada e facendo políticas transformadoras xeradoras de benestar, por e para a xente.

Comentarios