Opinión

Xente moi enfadada

Espertamos este luns coa vitoria de Milei na Arxentina, personaxe que, alén da súa ideoloxía ferozmente ultraliberal, se caracteriza polo permanente estado de alteración e enfado. De feito, semella que xente moi enfadada é quen upa esta suposta alternativa á crise económica á presidencia dun dos estados máis ricos e desiguais do planeta.

Xente moi enfadada é a que todas as noites se concentra ante a sede do PSOE en Madrid, proferindo consignas que deitan sobre das mulleres ou as persoas migrantes un odio latente. O común ao ascenso da ultradereita –felizmente freada no acceso ao poder do Estado en varios lugares– semella o enfado permanente ante o que ameaza un status persoal, individual, por pequeno que este sexa. Enfado por non poder meter o coche até o portal, por non fumar nos bares ou por ter que pagar impostos para garantir dereitos colectivos. O fondo común é doerse polas incomodidades individuais fronte a protección do común.

Existe unha evidente erosión da vida social e perda de poder adquisitivo que crea unha fenda e provoca frustración e empobrecemento, mais non son as persoas máis vulnerables as que canalizan este malestar cara o abismo político, senón sectores agraviados na súa posición social que se rebelan contra os avances feministas ou con calquera –por mínima que sexa– política de redistribución social ou de actuación comunitaria no espazo público.

Fronte a un aumento da solidariedade nas xeracións máis mozas –malia a propaganda e o alarmismo–, entre quen prende o ecoloxismo e o feminismo (nelas), hai resistencias machistas e negacionistas que alentan o individualismo e a xenofobia. Nun mundo que esixe fraternidade ante a crise climática, xente moi enfadada e nada empática aprópiase do espazo público e mediático e apoia as peores causas, como o xenocidio palestino. Hai que defender a alegría e beleza do común, fronte o seu odio: ocupar de esperanza todos os espazos e desbordalos.

Comentarios