Opinión

Vivenda no interior

É innegábel que o acceso á vivenda é máis custoso nos contornos urbanos galegos ca no medio rural mais atopar vivenda digna en concellos do interior non é cousa sinxela. Existe un gran volume de inmóbeis deshabitados e en ruína –Galiza á cabeza do Estado español en porcentaxe de vivenda baleira, 18%- que non se conseguen pór en circulación máis aló do anecdótico –obsérvese que a gran aposta da Xunta para fomentar a venta de núcleos rurais abandonados a través dunha páxina web tivo cero resultados-.

Por outra parte, faltan políticas de fomento do alugueiro e as axudas á rehabilitación en contornas turísticas –ARI Camiño de Santiago ou Ribeira Sacra– oriéntanse nunha parte á posta de inmóbeis para estabelecementos de uso turístico en distintas modalidades. Por suposto, a escasa promoción de vivenda pública da Xunta, cunha lista 15.229 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida, continúa sendo o principal lastre.

Así, chegamos á situación de que en concellos do interior galego, que coa pandemia recibiron aporte de persoas de contornas urbanas, hai problemas para dispor de vivenda. Fronte á imaxe tópica de casas a esgalla que se compran por catro pesetas vemos que nos concellos do interior hai tanto demanda de vivenda protexida como persoas con grandes dificultades para atopar casa, sobre todo en aluguer.

Aínda así, as políticas de vivenda son un todo que debe ir da man do emprego, conectividade e servizos públicos dignos no interior galego, pois ningunha destas variábeis pode faltar para que municipios capaces de acoller máis poboación o fagan. Fronte a inacción deliberada da Xunta para actuar no mercado da vivenda, as administracións locais –Deputacións e Concellos– do interior galego teñen na man promover o alugueiro e rehabilitación a través de axudas e da política fiscal, máis a aposta pasa por centrarse só no Turismo como motor económico, cuestión que, por si soa, non permitirá un desenvolvemento integral destas zonas.

Comentarios