Opinión

Ver o mar

A pausa nos combates en Gaza permitiu que xentes palestinas foran ver o mar. As augas do Mediterráneo, apenas afastadas uns poucos quilómetros dende calquera punto da Faixa, foron como bálsamo para quen leva máis dun mes en asedio constante.

E nin sequera o mar de Gaza é para as palestinas, pois a súa zona de pesca foi reducida e conta con depósitos de gas sobre os que se lles negan os dereitos á poboación palestina. Con todo, o mar, como sinalan as gazatís, servía de horizonte para curar a opresión de vivir nunha terra entre muros: as tendas e cafés, praias e paseos marítimos eran espazos cheos de vida.

Unha das tarefas da propaganda israelí é deshumanizar a poboación palestina, sinalala como terrorista ou soporte do terrorismo e eliminar os custos morais de masacrar civís.

A esta deshumanización acompáñase un elemento racista e eurocéntrico que é coma un "manual da boa vítima", segundo o cal sorprende que rapazas palestinas emitan directos en Instagram ou que haxa familias que teñan casa con piscina. É un mecanismo que opera constantemente coas persoas que veñen por mar dende África ou a respecto de pobos diferentes e dende posicións ideolóxicas enfrontadas, como vimos coas estigmatizacións bastas dos pobos ruso e ucraíno ou cando se cola o antisemitismo nos discursos.

Ver o mar, abrazar a familia despois dun mes, durmir tranquilo unha noite sen bombas: consolo mínimo nunha guerra cruel e desigual que leva unhas quince mil persoas mortas.

Aquela Gaza de panaderías e cafés no mar quedou destruída e, para o máis ultra do Goberno israelí, o destino da súa cidadanía debe ser o exilio; negarlles a posibilidade de ver o mar, o seu pedazo de mundo.

A deshumanización é o que permite que haxa unha parte da cidadanía israelí que considera aceptable este relato. A deshumanización que opera tamén en nós cando Judith, muller vítima de asasinato no Porriño na véspera do 25 de novembro, semella que non remove tanto porque era pobre. A ela tamén lle impediron ver o mar.

Comentarios