Opinión

Sucedeu o improbable

A maioría de analistas non acreditaban na invasión da Ucraína. Sucedeu. Os servizos de información estadounidenses estaban no certo e en Europa non se tiña tal nivel de coñecemento –non sorprende–. 

Faise difícil dicir algo da guerra nun clima de opinión tan viciado. 

Creo que é posible, e necesario, condenar sen dúbidas a agresión militar de Putin, denunciar o seu imperialismo e a falta de palabra ante os líderes europeos que dialogaron con Rusia días antes do inicio da guerra, ao tempo que se pon de relevo o contexto de expansión da OTAN cara o leste e o incumprimento dos acordos de Minsk; se analizan con sosego as opcións de futuro e o enmarcamos no contexto de decadencia da hexemonía norteamericana e a debilidade europea.

O asunto é tan grave que non dou entendido a reacción airada entre diferentes sectores da esquerda: podemos ter diante unha confrontación bélica a gran escala en Europa e enfrontaremos xa consecuencias económicas brutais que repercutirán sobre unha maioría social xa afogada pola inflación. Só gaña algo a economía estadounidense: os pobos de Europa (incluído o de Rusia, claro) perdemos.

Hai moitas persoas con medo. Eu tamén o teño, é humano; e o medo da xente non se debe menosprezar nin tachar de "burgués". Por iso, penso que é urxente artellar como reverter o belicismo, pero non se fará só con apelacións baleiras a que hai desinformación e manipulación nin con acusacións cruzadas entre a esquerda; faise, talvez, con debate e mobilizacións paneuropeas de forzas políticas e sindicatos.

Obvio que hai propaganda, hipocrisía e fake news, mesmo en prime time, pero tamén medios e xornalistas decentes. Os 'bulos' teñen patas curtas. A esquerda debe ofrecer á cidadanía argumentos, debate e alternativas de actuación, non guerras dialécticas de peito inchado que só traducen a impotencia de non poder actuar no marco internacional. 

Escribo isto e comeza a primeira mesa de negociacións.

Cal será a alternativa, xa que sucedeu o improbable? 

Comentarios