Opinión

Sexo infiltrado

Cinco mulleres de movementos sociais cataláns anuncian unha querela contra un policía infiltrado co que mantiveron relacións sexoafectivas de "abusos sexuais, delitos contra a integridade moral, revelación de secretos e impedimento do exercicio dos dereitos cívicos". Asemade, entenden a acusación ao seu superior xerárquico e ao Ministerio do Interior.

O que resalta nesta actuación é que se destaca que o consentimento nas relacións sexuais depende da información sobre a persoa e que se atenta "contra a dignidade da persoa" porque, de saber que era un policía, estas mulleres non accederían a ter relacións sexuais con el. Deste xeito, segundo a avogada Laia Serra, o consentimento estaría viciado e estariamos ante unha agresión sexual.

Creo que o centro deste asunto é a absoluta impunidade con que o Estado utiliza a infiltración de policías en movementos sociais pacíficos de toda caste cal se foran grupos terroristas. Pór o foco no feito das relacións sexuais pretende outorgar á Xustiza, un poder do Estado, a capacidade de determinar se hai mentiras ou enganos nas relacións sexoafectivas entre cidadás e cidadáns adultos. 

Como sinalou Clara Serra, "outórgase o poder ao Estado para criminalizar a mentira entre cidadáns particulares". 

O grave aquí é a criminalización da disidencia política, tratada nas formas como terrorismo, non os danos "morais" que, obviamente, se derivan dun engano en calquera relación afectiva entre seres humanos. 

Sinto como un chan pegañento que nos leva a terreos máis desexados polo conservadorismo as actitudes de certo feminismo; non podo compartir que se estenda unha estratexia punitivista e moralista que vai reforzar discursos e morais conservadoras.

Con todo, segundo o caso concreto, poden ter lugar reparacións e indemnizacións –hai exemplos no Reino Unido– pero non me parece unha boa aposta pór o acento no individuo por riba dun Estado que se extralimita na súa actuación policial.

Comentarios