Opinión

Sanidade e impostos

Dende hai anos faise evidente o deterioro do sistema público de saúde, en forma de recortes brutais aplicados con escusa da crise económica de 2008 e na aposta polo avance da privatización, ambas as dúas, políticas nas que os Gobernos Feijóo foron pioneiros no Estado. En termos de porcentaxe do PIB, o que representa o orzamento sanitario da Xunta (6,4% do PIB galego) aínda está por baixo da media da UE 28 en 2020 -un 7% segundo Eurostat-, e por baixo do conxunto do gasto sanitario público a nivel estatal (8%). Así, pese a que a pandemia asentou a necesidade de fortes sistemas públicos de saúde, a Xunta continúa apostando pola "concertación" coa privada e o mal chamado "aforro" de recursos.

Ao tempo, en beneficios fiscais destinados, sobre todo, a quen máis ten (impostos sobre o patrimonio, sucesións e doazóns...), a Xunta deixará de ingresar case 600 millóns de euros que servirían para, por exemplo, reforzar unha Atención Primaria cada vez máis relegada cando debera ser o eixo central das políticas de saúde pública.

Así, estes tempos volve quecer a reivindicación das plataformas en defensa da sanidade pública na Galiza, no medio dun inverno que fixo evidente as fallas do sistema coa proliferación dos virus respiratorios, que puxeron contra as cordas a escasa cobertura pediátrica do noso país, así como o colapso de urxencias e o afondamento da precariedade na Atención Primaria.

Neste contexto, cómpre pór no centro a idea de que os impostos son vida, son saúde, fronte á propaganda interesada das grandes fortunas, que son as máis beneficiadas polas políticas fiscais do PP en Galiza, namentres a maioría social apenas nota as ridículas rebaixas fiscais e padece a inflación.

Deste xeito, as mobilizacións comarcais e a manifestación nacional pola sanidade pública que o 12 de febreiro está convocada en Compostela reivindican políticas públicas potentes de saúde, o que implica políticas fiscais favorables á maioría e non ao servizo de quen verdadeiramente mandan no PP.

Comentarios