Opinión

Roupa de prestado

Como a avoa anda pensando na morte, preocúpalle que habemos facer con tanta roupa que inunda os armarios: o sempiterno traxe das vodas, combinacións de medio século que non perden o seu encanto, as chaquetas de vestir. En realidade, moita, a roupa, non é, pero quen viviu os anos corenta ten un concepto da cantidade ben dispar do actual.

Contrasta ese celo conservador de quen sabe o que custa tecer un xersei coa característica máis xenuína da industria da moda contemporánea: o seu carácter efémero, a súa condición de usar e tirar, base dun modelo social e ecoloxicamente depredador.

O crecemento masivo da demanda de tecido de algodón impulsou a industrialización contemporánea e todos os cambios asociados, que transformaron –para sempre– o planeta e a humanidade. Todo por un tecido. En fin, somos un animal espido que se espallou pola practica totalidade do Planeta cos seus climas diferentes, polo que a roupa nos acompaña na nosa evolución como especie; roupa que, alén de necesidade básica vital, é tamén cultura e identidade. Tanto, que se deixa dito cal será o vestido que por no cadaleito (si, a avoa tamén ten pensado niso).

A conta da crise social permanente que vivimos con intensidade dende 2008, xorden iniciativas solidarias de préstamo de roupa, algo non alleo, pois aquí sempre fomos moito da roupa de prestado. Dos irmáns, das veciñas, do tío que faleceu solteiro… Mesmo semella quedar parte dun nas prendas conservadas nas cómodas, que non se morre de todo namentres continúan as camisiñas planchadas.

Fronte á conciencia de que a precariedade continuará, no interior galego organízanse armarios solidarios e asociacións de solidariedade, como O Recuncho de Chantada, que leva anos atendendo as emerxencias sociais dende unha óptica de concienciación e facer comunidade, que é, sen dúbida, un modelo a imitar, alonxado da caridade e do consumismo. En fin, non socializamos os medios de produción, pero poida que na roupa de prestado haxa un aquel revolucionario.

comentarios