Opinión

Reserva da Biosfera

Desculpen a incapacidade para participar do relouco pola declaración da Ribeira Sacra como reserva da biosfera, agardando, iso si, que a nova figura de protección teña o efecto positivo non acadado coas que xa hai vixentes.

A publicación da proposta da reserva da biosfera Ribeira Sacra, serras do Oribio e do Courel produciuse ao tempo que nos montes do Iribio se estaba a construír un parque eólico ilegal – paralizado pola Xustiza grazas á loita veciñal e ecoloxista – en Rede Natura.

Como noutras ocasións, non se fomentou seriamente a participación das comunidades locais e  presentouse un compendio de diferentes espazos naturais e comarcas históricas, sen unidade interna, pensado só para obter a distinción, pero non para traballar en serio na mellora das condicións ecolóxicas das zonas degradadas, para o cal se precisaría máis investimento do previsto: 450.000 euros de plan de xestión anual para o 10,3% da superficie galega. 

Nesta inmensidade territorial o núcleo da reserva son as Zonas de Especial Conservación xa existentes, sendo a máis extensa a dos Ancares-O Courel-O Iribio, mais o foco ponse interesadamente na Ribeira Sacra porque conta máis o impulso turístico e de marca que a aposta firme pola protección.

Termos ZEC nos ríos Sil e Cabe non impediu os seus altos niveis de contaminación e cómpren moitos máis fondos para reverter agresións ecolóxicas –xa sen contar os encoros–, mais a propaganda vai por un lado e o publicado por outro: o definitivo documento do Plan de Acción da Paisaxe Ribeira Sacra concrétase en sufragar a sinalización e publicidade de dous itinerarios en coche, nos que se plantarán oito árbores, ademais de rozar un pouco.

Malamente se acadarán os obxectivos das reservas da biosfera –“conciliar e consolidar a conservación da natureza e o desenvolvemento económico e social”– cando o documento de análise da candidatura non mencionaba unha soa vez o despoboamento ou avellentamento demográfico desta zona. Mais, alegría, que somos reserva da biosfera.

Comentarios