Opinión

Paisaxes da auga

A pasada fin de semana celebrouse a asemblea da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra, entidade nacida, fundamentalmente, para dar voz aos colectivos apegados ao territorio fronte un relato oficial que constrúe unha candidatura a Patrimonio da Humanidade sen contar coa cidadanía.

É coñecida a pulsión da Xunta por acadar a distinción da Unesco para a Ribeira Sacra, un territorio inventado sobre a base dunha denominación de orixe que hoxe é unha marca turística. A candidatura armada pola Xunta baseada na existencia dende antigo dunha sacralización do territorio foi desbotada pola Unesco en 2021 pola necesidade de maior protección ambiental ou a falta de planificación da carga turística sobre o territorio.

En 2023 a candidatura reimpúlsase como posta en valor das “paisaxes da auga”, xa con Icomos España dentro do organismo promotor, e aposta por “ampliar o coñecemento actual sobre estes sitios esteticamente impresionantes que combinan a biodiversidade agrícola con ecosistemas resilientes e un valioso patrimonio cultural”. Esquecendo que estamos a falar de paisaxes anegadas polos encoros do franquismo que arrebataron as mellores terras de Sil e Miño a prezo de saldo e destruíron aldeas e igrexas que tiveron que moverse de sitio.

 Ao cabo, esta distinción de Patrimonio da Humanidade busca obter un recoñecemento internacional de marca sen preparar o territorio para un aumento do turismo; un espazo sometido a graves problemas ambientais, escasos servizos, falta de oferta turística complementaria e de calidade e en retroceso demográfico dende hai décadas.

Patrimonio da Humanidade sen Humanidade. A construción da candidatura está desconectada da sociedade civil -mesmo se inventou un Consello de Parroquias no que non se avisou ás asociacións senón a persoas concretas- e é unha fonte de negocios en forma de simposios e elaboración de material que, ademais, contén erros, como a cartografía da candidatura. As paisaxes da auga: novo mantra para a roda da propaganda.

Comentarios