Opinión

Olga Novo aquí

Anda o stablishment todo buscando méritos para que a coñecida recentemente como “Ribeira Sacra” acade a distinción de Patrimonio da Humanidade e confeso certa desazón en comprobar que, por inercia –con excepcións–, trátase de priorizar e “valorizar” o elegante e suntuoso, o esplendor das construcións dos grandes mosteiros ou a manía de pensar na época romana en termos da cultura das elites, cos seus banquetes refinados.

E que ten que ver isto con Olga Novo? Pois que neste clima de banalización e mitificación do pasado, ela ponnos a mirada nas xentes que fixeron posíbel, denantes e agora, a paisaxe e cultura que, seica, é merecente de tan alta distinción. Por o foco no “estrume”, nos “ferros da cancela do camposanto espetados na lingua”.

E así, temos unha das mellores literatas galegas asentando universalidade na raizame fonda de Vilarmao.

Non teño idea de crítica literaria, mais a poesía da Olga acompáñanos á miña xeración coma un facho que, como boa artista, se adianta ao, que sei eu, espírito dos tempos. Puidemos mercar por 500 pesetas a Teta sobre o sol cando a sexualidade libre e o feminismo aínda non eran trending topic nas adolescentes lemavas, soubemos de crítica feminista da cultura popular, proclamounos o ecoloxismo con cantos ao oso de Salcedo lustros antes dos Fridays For Future, furounos a alma coa visión da maternidade en Cráter.

Olga Novo é querida e respectada na comarca porque se brinda á colaboración con proxectos culturais de base, polo seu labor de mestra e porque nos fala coa linguaxe de aquí, onde tan relevante é Malher ou André Breton coma o tractor Barreiros LU-VE 3748.

Olga Novo esfarela os supostos límites entre cultura popular e elitista e sitúa as oprimidas no centro exacto dunha Historia que elas sustentaron, e que debera priorizarse nese expediente que nos pode facer “Patrimonio da Humanidade”.

A Olga Novo non nos musealiza: proponnos ser da patria libertaria de quen aprecia a beleza de ter árbores sombrizas na aira.

Comentarios