venres 18/06/21

Nun mundo libre

Nun mundo libre é un filme de Ken Loach que traza a historia dunha muller que, tras quedar desempregada, monta unha axencia ilegal de traballo temporal para persoas migrantes.

A trama remata por resaltar as contradicións dun mundo que permite a “liberdade” de explotar e autoexplotarse, de xeito ilegal, pero tamén con plena legalidade. A protagonista sofre a dureza da vida ás portas da gran crise de 2008, mais tamén intenta desenvolverse ao xeito dun mundo de homes explotadores. “Libre” para emprender e comerciar con carne doutras persoas, das vítimas do desastre ultraliberal dos países ex soviéticos, xentes á súa vez “libres” para aceptar empregos precarios.

A realidade dunha engrenaxe na que “libremente” abrazamos a precariedade.

O filme non é cómodo porque reflicte o fondo de colaboración que esixe ese concepto de “liberdade”, porque sitúa a mulleres que non son malvadas, que foron explotadas laboralmente, á súa vez, internándose aos poucos, por comodidade, por vivir, por “saír adiante”... nunha trama de tráfico de persoas. Precariado explotando a precariado.

Ken Loach colócanos un espello diante dos ollos a quen vivimos estas décadas de século XXI: o brutal aumento da desigualdade dende os anos 70 veu acompañado de procesos de deshumanización nos que, sen remedio, participamos. Non se borrou a solidariedade, e continuamente asoma nos momentos máis duros –parar os desafiuzamentos, axudar nos locais sociais a quen precisa alimentos, as familias sendo colchón social durante as últimas crises…– mais o mundo do traballo foise desregularizando até o extremo. E Ken Loach apela a que vivir nesa distópica “liberdade” esixe tamén, complicidade nosa, en distinto grado. É coma a liberdade de Ayuso: non é a bruxa malvada, é –moi a pesares noso– un reflexo social.

Afortunadamente, como tamén aparece resaltado no filme británico, as persoas tamén podemos ser libres de non explotar e de pelexar pola liberdade colectiva, polos dereitos de todas.

comentarios