Opinión

Non só corresponsabilidade

Un dos debates sobre a carga de coidados e tarefas do fogar nas mulleres é a apelación a onde están os homes, mais non chega con acadar a plena corresponsabilidade para atender toda a dimensión que require a atención a persoas e traballo reprodutivo. A corresponsabilidade é esencial porque, de feito, os homes non están todo o que deberan. Segundo o IGE, as mulleres reducimos xornada laboral tres veces máis para atención de crianzas e ocupamos o dobre de horas nas tarefas do fogar. Mais, aínda que a balanza se equilibrara, hai problemas que continúan.

Un, a excesiva duración da xornada laboral: para familias con dúas persoas adultas con traballo remunerado é incompatible o mantemento de xornada coa atención de crianzas ou dependentes; unha terá que reducir horario ou coller excedencia (adoitan ser as mulleres) e/ou, en función do salario, contratar servizos de coidado. Dous, o cambio na composición das familias: moitas políticas están planificadas tendo en mente a clásica familia heterosexual na que a familia extensa apoia nas tarefas de coidado familiar. Hoxe, un 11% das familias galegas son monoparentais.

Tres, a elevación da idade media da poboación aumenta a porcentaxe de cidadanía que adquire demencias ou outras patoloxías que requiren unha forte intervención de coidados. Todos estes elementos fan imposible a conciliación e sobrecargan o elo máis débil: as mulleres con empregos precarios ou sen emprego que, asumindo estas tarefas sen remunerar, reforzan a súa condición depauperada.

Non é suficiente con incorporar os homes na mesma medida ao traballo no fogar e atención das crianzas, tamén é urxente cubrir de xeito real a atención á Dependencia e incorporar á rede pública sistemas de atención ás crianzas.

O Plan Corresponsables do Goberno de España pretende desenvolver un sistema estatal de coidados de 0 a 14 anos, mais Galiza debe definir a súa propia estratexia tendo en conta a dispersión poboacional. Que fixo a Xunta? Un "Plan" de nome rimbombante.

Comentarios