Opinión

Multipartito: si, grazas!

A CRTVG convidou ao debate electoral das Galegas a cinco forzas políticas por consideralas "significativas", aínda que noutras ocasións se limitou estritamente ao criterio legal e convidou só a aquelas con representación.

Sempre é positivo que os medios públicos dean voz a forzas políticas sen representación por criterio de "representatividade", cantas máis mellor, mais, non nos enganemos: a CRTVG está aplicando –máis cargada de bombo– a estratexia electoral do PPdeG ao convidar a todas as forzas do espectro da esquerda, sen dar entrada a outras, como DO, que, polos mesmos criterios de "representatividade", deberían estar.

Neste tempo preelectoral os medios públicos galegos están rachando todas as marcas da manipulación e o seguidismo do PP, sen pudor, afondando no dano ao prestixio da CRTVG, tan necesaria.

Indo ao fondo da cuestión, o PP galego esfórzase en presentarse coma a forza estable, sen ruídos, e hexemónica no seu campo, fronte ao suposto barullo e multitude de partidos do espectro progresista. É eficaz en tanto que llo compran a maioría de medios –públicos e concertados– da Galiza, mais tamén porque a propia esquerda non fixo, dende 2009, unha bandeira e un orgullo do goberno de coalición (o "Bipartito") constituído en 2005.

É tempo de deixar de agochar a cabeza e reivindicar a pluralidade. Multipartito: si, grazas! "Señor Rueda, si, imos debater, con cantos máis partidos mellor, porque temos a capacidade de liderar a pluralidade e a maioría social deste país que quere cambio –diría eu, de ser o BNG–". "Non lle temos medo ao acordo, porque a característica do PP é que non ten con quen acordar, non sendo a ultradereita", debera dicir o PSOE. De ser Sumar diría que sei moi ben por que a CRTVG os poñen alí, pero dígolle que "erra pensando en que vai espantar a xente por amosar a pluralidade: somos moitas e somos necesarias, e imos construír o mellor Goberno que nunca tivo Galiza".

Fóra complexos e benvido Goberno de coalición: somos máis e imos gañar.

Comentarios