Opinión

Moción de censura

Novamente, o partido de ultradereita Vox vén de rexistrar unha moción de censura no Congreso dos Deputados; moción que non prosperará, como a anterior, pero que busca varios obxectivos políticos, uns máis explícitos ca outros. Declaran os seus dirixentes que o principal motivo é "facer ver a Europa" o desgoberno de Sánchez, abondando na idea da súa "ilexitimidade" e trasladando un suposto "clamor" das rúas.

A realidade é que a principal razón desta moción de censura é tensionar ao PP pola situación de retorno de votantes da ultradereita á casa matriz e a perda de imaxe de Vox como representante da "indignación" popular, sobre todo tras a entrada no goberno de Castela e León cunha vicepresidencia inútil que só serve para pagar altos cargos e espallar ideoloxía neofascista.

A idea de presentar a un candidato que representa o suposto espírito da Transición pretende pór contra as cordas a parte de PP e PSOE, mais os tempos de 2023 non son aqueles nos que o consenso promonárquico e centralista era incontestable. O debate sobre a Monarquía como institución ao servizo persoal do rei e das súas amizades do empresariado e da banca é tan amplo que o CIS non se atreve a preguntar pola Monarquía. Por outra parte, o escenario dun independentismo minoritario rematou de vez e o Congreso continuará –salvo maioría de PP-Vox– dependendo dos pactos coas forzas das nacións sen estado.

Así, no contexto da pugna intradereita neste escenario pre-electoral preséntase un dos máis emblemáticos dirixentes do PC para intentar "convencer" as señorías de que el é o mellor presidente para dirixir o Estado.

Todo o que se coñece arredor desta operación semella un sainete e comezan a escoitarse voces sobre a necesidade de "regular" o recurso á moción de censura, mais entrar nese debate é coller o marco que lle interesa á ultradereita: degradar as institucións e as fórmulas democráticas; que acabemos cuestionando os sistemas representativos como "feira" e "desorde", iso é o que queren.

Comentarios