Opinión

Maternidades virtuosas

Maternidades virtuosas, unha crítica aos modelos profesionais de crianza é un fantástico texto co que María do Cebreiro Rábade Villar gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021.

A autora analiza como se transferiron "unha serie de modelos extraídos do mundo do traballo ás tarefas cotiás da crianza". Así, a maternidade volveuse un "viveiro de mercado", con diversos modelos ofertados con cadansúa retórica, ferramentas e produtos a adquirir. Nese escenario, ás nais e pais –sobre todo ás nais– preséntaselles a autoesixencia de ter "maternidades virtuosas", sabendo dende como aprender ao neno a "xestionar as emocións" até estar "actualizada" en canto aos coñecementos pediátricos.

É común a toda Europa, mais no noso contexto galego a autora pon en relación ese inconsciente empeño en profesionalizar a labor de nai, "render sen descanso" e saber de todo, co feito de sermos o espazo do vello continente cun acceso máis tardío á maternidade, con escaso número de nacementos e unha perda da transferencia de saberes interxeracionais. En fin, a desarticulación das comunidades próximas xunto coa penetración do capitalismo en todas as esferas da vida. Ao tempo, tamén é crítica a autora con modelos que apelan a unha suposta volta "á tribo" ou modelos pedagóxicos alternativos, convertidos tamén en "estilos de vida" e nicho de mercado.

Mais non abandona María do Cebreiro o ensaio sen propor alternativas, a xeito de "desexos" nin sen proclamar "a inmensa ilusión da maternidade".

Porque ser nai con desexo é gozoso; o duro son as condicións de precariedade xeral que padecemos a maioría da poboación galega, acentuadas entre as mulleres. Neste contexto de "capitalismo avanzado" é tamén gozoso poder ler unha reflexión tan fonda e documentada sobre os modelos actuais de crianza na nosa lingua e compartir os "desexos" da autora dunha infancia con voz propia e unha crianza pracenteira e adaptada a cada neno ou nena e baseada no amor e a autoestima.

Comentarios