Opinión

'Isto múdao todo'

Isto múdao todo. O capitalismo contra o clima é o título dun ensaio de Naomi Klein (2015) no que un dos aspectos que analiza é como a dereita negacionista considera o cambio climático un aliado da esquerda, na medida que para combatelo son precisas políticas públicas de "redistribución de riqueza, subas de impostos, maior intervención do Estado, regulación...". A esta altura de 2022, nunha vaga de calor que racha coas marcas de temperaturas máximas, cunha guerra en curso que pon de manifesto a dependencia enerxética europea, é máis evidente que son precisos mecanismos públicos para intervir radicalmente na economía en favor do clima, en favor da supervivencia da humanidade. Mais que unha "economía de guerra", sería unha "economía pola paz" e a felicidade da especie humana.

Sabiamos da urxencia de cumprir cos compromisos internacionais en materia de redución de gases, mais quen non sentiu na pel estas noites calorosas a necesidade de multiplicar esforzos? Quen non interiorizou a absoluta necesidade da loita efectiva contra a mudanza climática coa cinsa dos lumes do Courel ou Valdeorras a bater na cara en múltiples puntos do País? A suma de cambio climático e desarticulación territorial do interior galego –incluída a plantación masiva de especies pirófitas coma os piñeiros e o despoboamento– levan anos traéndonos lumes monstruosos que requiren máis efectivos humanos, estabilidade laboral e profesionalización, reivindicación de vello do colectivo de persoal antiincendios. Cando escribo isto non temos que lamentar perda de vidas humanas, mais andou perto, pois houbo que desaloxar aldeas e os medios foron insuficientes.

As consecuencias da mudanza climática son cuestión de clase, tanto as mortes das vagas de calor como a devastación incendiaria en zonas xa abandonadas polas administracións. Isto múdao todo e precisamos políticas fortes de protección das maiorías que implicarán sacrificios individuais, redistribución da riqueza e xustiza social e territorial.

Comentarios