Opinión

Feijóo, un moderado?

A conta da crise no goberno de Castela e León polas declaracións do Vicepresidente de Vox afirmando que, nese sistema de saúde, o novo protocolo de atención ás mulleres que demandaran a interrupción voluntaria do embarazo incluiría a obrigatoriedade por parte do persoal médico de ofrecer ecografía 4D e escoitar o "latido fetal", nos faladoiros da capital de España non se discute doutra cousa: "Feijóo está incómodo con esta polémica", din.

Contento non debe estar, pero os feitos dinnos que non se sitúa nun lugar moi diferente a onde sempre: aparencia de moderación e venta de suposta boa xestión á par que aplicación da axenda política dos grupos máis ultrareaccionarios que o acompañaron no acceso ao poder. Así, como ben lembrou Pontón esta semana no Parlamento, unha das primeiras iniciativas do inaugural Goberno Feijóo foi impulsar a través do grupo parlamentario popular a aprobación da chamada "lei da Red Madre" –Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia–, que camufla de suposto apoio á "muller embarazada" unha vía de financiamento público para entidades antiabortistas, que poden así concertar coa Xunta labores de información a mulleres embarazadas e, na condición da Red Madre de entidade declarada de utilidade pública en Galiza, recibir subvencións. Gabarse de moderado namentres contentas o electorado da ultradereita avanzando en certos aspectos da súa axenda, iso é Feijóo, tanto no relativo ao aborto como, non o esquezamos, no decretazo contra o galego no ensino ou no mantemento dos concertos con colexios que segregan por sexos.

Así que Feijóo está onde sempre: na ambigüidade calculada, na captación do voto máis reaccionario, no pregamento ante os poderosos, como amosou retirando, tras avisos da prensa de dereitas, o pacto co PSOE pola renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Se Feijóo goberna no Estado, fará o que lle pidan os socios de ultradereita, sen dúbida, se así o precisa para manterse no poder.

Comentarios