Opinión

Fame de comunidade

É unha evidencia que a fin das restricións Covid e a primavera propiciaron un estoupido de xuntanzas, festas e eventos diversos que continuarán no verán, unha explosión de sociabilidade colectiva que había tempo non se daba.

Houbo voces catastrofistas que previron a apocalipse pandémica, mais a situación sanitaria posvacinación masiva non é en absoluto homologable a ningunha das ondas anteriores.

Alén disto, o aspecto social, a necesidade de achegarse, falar en directo, rozarse, sentir a emoción colectiva dun trunfo deportivo ou un festival musical manda: hai fame de comunidade.

E non só se observa en macro-eventos, senón que a nivel micro reaparece a miríade de festividades parroquiais e pequenas xuntanzas do tecido asociativo máis local. Mesmo no conxunto de comarcas englobadas na "Ribeira Sacra" , territorio avellentado, se está conformando unha federación de asociacións para ter voz nos organismos e sobre as políticas que deciden as actuacións a realizar no territorio sen contar coa xente, espazo que se está a converter nun verdadeiro foro interparroquial, con comunidades de montes e asociacións veciñais revitalizadas: as antergas estruturas resistindo e proclamando futuro fronte ás novas e vellas divisións administrativas ou turísticas.

Inevitabelmente, compárase a actual época cos "Felices Anos Vinte", por coincidencia de vivir nunha pospandemia. Con todo, as diferencias son claras: hai un século non só se superaba unha enfermidade vírica, senón tamén unha destrutiva guerra en solo europeo; alén diso, a situación de saúde e sanitaria previa das poboacións e a capacidade de resposta foi diferente. Ademais do disferente impacto mortífero, os grupos de idade máis afectados pola mal chamada "gripe española" foran persoas adolescentes e adultas mozas, algo que se pode comprobar visitando os cemiterios parroquiais galegos –aproveitando esta onda de encontros sociais– e vendo a idade de moitas falecidas hai cen anos. O impacto nas comunidades foi diferente.

Comentarios