Opinión

Dibus en galego

As nais e pais con cativada identificamos que os debuxos, sexan na tele ou en YouTube, son unha das fontes de castelanización clarísima, sendo unha das motivacións da campaña popular que pide unha canle 24 horas infantoxuvenil na TVG. 

Máis aló do debate de se as nenas e nenos ven demasiados contidos audiovisuais, que tamén, está unha realidade complexa na que, mesmo habendo contidos en galego, non se consomen; nin tampouco funcionan en moitos casos os debuxos en portugués.

Na Comisión de Control da CRTVG no Parlamento respondera o Director Xeral en 2017 que só dúas mil persoas de menos de 24 anos ven a TVG no país.

É unha cuestión de contexto xeral a respecto da perda de importancia da televisión clásica, pero tamén da falta de aposta da canle pública pola produción propia innovadora neste segmento de idade e da caída en investimento na dobraxe de contidos actuais e populares. Na última década, os orzamentos da CRTVG adicados á dobraxe pasaron de 4,5 millóns de euros a apenas 1,3, provocando unha crise no sector. 

Por outra banda, os datos de coñecemento e uso do galego na infancia van a pique, fronte á indiferenza –cando non triunfalismo– das autoridades competentes. Segundo a última enquisa do IGE, algo máis do 10% da infancia entre 5 e14 anos non entenden o galego falado e case un 23% non saben falar ou saben falar pouco en galego. Así, en 2018 o 44,13% da infancia galega fala sempre en castelán (10 puntos máis que en 2003), e só o 14,27% fala sempre en galego (en 2003, o 27,10%). 

Os debuxos en galego non son a solución máxica, pero axudan. Non só a canle 24 horas (agardemos que sexa viable), senón que é fundamental a inclusión da opción en galego nas plataformas dixitais e que as ferramentas en móbiles ou tabletas funcionan ben e sexan atractivas.

Pero cómpre un Goberno que crea nas leis propias, porque a ano 2020 seguimos tendo que reivindicar o cumprimento da Lei e do Plan de Normalización Lingüística da era Fraga: no audiovisual, no ensino, na vida.

Comentarios