Opinión

Democracia en suspenso?

Mentres escribo isto está o Tribunal Constitucional reunido durante horas aínda debatendo sobre se admitir a trámite o recurso de amparo o PP que pide suspender a tramitación das emendas que propoñen renovar o propio Tribunal Constitucional.

Se o TC admite dito recurso estaremos nun escenario incerto. Primeiro, porque ninguén nega a lexitimidade dos deputados e deputadas do PP a pedir amparo por vulneración dos seus dereitos –tramitación de cambios legais a través de emendas impropias noutra reforma legal-, mais o que se cuestiona é que o Tribunal Constitucional poida pronunciarse antes de finalizar o proceso lexislativo.

Ademais, porque dous dos maxistrados están co mandato caducado e decidirían sobre unha reforma que lles afecta directamente. Por outra parte, non vivimos situacións novas, pois o Congreso xa admitiu lesións á súa autonomía parlamentaria a respecto dos dereitos de deputados independentistas cataláns ou cando suspendeu dos seus dereitos ao deputado Alberto Rodríguez; ou cando se impediu debater ao Parlament catalán.

O que hai de fondo é unha gran confrontación política entre a dereita (en todas as súas dimensións), que non dubida en converter o Estado nunha democracia, aínda máis, de baixa intensidade para evitar o avance de dereitos ou o mero acceso ás institucións da esquerda radical e o medre do independentismo. Fronte a esa ofensiva, debería haber unha unidade de acción das e dos demócratas de todas as nacións do Estado, dende as diferenzas, para evitar unha involución real que un goberno PP-Vox consolidaría. E iso pasa por que Pedro Sánchez e a parte do PSOE progresista se decidan a manter a audacia –xa viron que as enquisas acompañan cando se consolida o bloque da investidura-.

Non sei que pasará mañá nin sei que farán as Cortes se o TC lles require parar un trámite lexislativo, pero si que deste lance vai depender o futuro.

Comentarios