Opinión

Cesta da compra

A idea do Ministerio de Traballo de propor ás grandes cadeas distribuidoras de alimentación unha cesta de produtos básicos a prezo reducido quizais non sexa a única nin a mellor solución á alza de prezos, mais amosa un movemento intelixente por parte de Yolanda Díaz e coloca no centro do debate a carestía da vida e a vontade de usar os mecanismos dispoñibles para paliala.

Pendente queda un meirande desenvolvemento do estado de benestar –nomeadamente a transferencia directa de rendas a quen menos ten– , o que significaría unha maior redistribución da riqueza, que non alcanza con tramitar os impostos ás grandes enerxéticas e á banca. Pendente, tamén, o desenvolvemento de tal medida –que xera reticencias no PSOE– e o impacto na produción e no pequeno comercio, pero o certo é que asistimos a unha batalla polo relato de aquí ás vindeiras eleccións Xerais, e tanto Pedro Sánchez coma Yolanda Díaz van situar o foco en Feijóo como defensor das grandes fortunas e "poderes" versus o Goberno que defendeu á xente. Así se amosou no famoso debate do Senado e así o evidencian as declaracións públicas da Ministra de Traballo. Non é improvisado e semella unha estratexia conxunta de non agresión mutua, ao meu ver, acertada.

Aínda que ao Goberno de coalición lle quedaran temas esenciais por acometer e nos que non hai trazas de avanzar, especialmente o mantemento do despedimento barato e a non intervención decidida no mercado da vivenda, eixos centrais das políticas reivindicadas polas forzas nacionalistas de esquerda presentes no Congreso, non cabe dúbida que hai mudanzas que impactaron en amplas capas sociais máis desfavorecidas, como a elevación do salario mínimo.

Queda moito até as Xerais e os vindeiros meses pode mudar o clima social, mais, de momento, e pese ás análises pesimistas que sinalan unha dereitización da sociedade eu vexo que a salvación do Goberno está en afondar nas medidas de esquerda tal como lle reclaman os partidos da investidura.

Comentarios