Opinión

Cancelar as cadeiras

Estrela (+5) conminaba ao Noé (+1) a non utilizar unha cadeira –desas pequeniñas, de plasticazo duro– porque estaba “cancelada”. De feito, os brazos estaban forrados de cinta de embalar marrón, como cando nas salas de agarda da Atención Primaria, por fin presencial pero saturada, se marcaban algúns sitios con cinta para evitar sentar preto unhas persoas doutras.

As nenas da pandemia xogan a cancelar cadeiras, a comprobar a temperatura corporal a distancia con chintófanos tipo termómetro-pistola ou debuxan virus con cara enfadosa.

Son a infancia marcada pola crise da Covid-19, que as deixou un curso sen colexio, outro con estritas medidas sanitarias nas aulas e patios –nunca puideron quitar a máscara en exteriores– e un máis igual e coa experiencia xeracional de vacinarse no Nadal.

O impacto emocional da crise “dos virus” nas nenas e nenos -como eles din– aínda está por avaliar, pese a que xa hai aproximacións, como informes de Unicef, que sinalan o aumento da situación de risco de pobreza na infancia, especialmente na segunda metade de 2020, a maior vulnerabilidade de menores tutelados ou as dificultades para detectar as violencias contra a infancia nos momentos do máis duro confinamento, así como o deterioro de hábitos de saúde, como a diminución do exercicio físico ou a perda de benestar mental. Por riba, a sociedade tardou en entender a importancia de non castigar dobremente a infancia clausurando parques ou espectáculos ao aire libre.

As nenas e nenos pandemiers queren poder celebrar un aniversario rodeados de pícaros correndo e berrando sen preocupacións, soñan con carruseis de festas patronais sen restricións e un futuro sen máscaras no cole nin separacións entre pupitres e mesas do comedor.

Que podemos agardar de 2022? Á espera da transición de pandemia á enfermidade endémica –que pode ser longa, especialmente para quen dous anos son a metade da súa vida-,  pensemos na infancia e suavicemos, na medida do posible, a súa “nova normalidade”.

Comentarios