Opinión

'Ancha es Castilla'

Sería inexacto extrapolar o resultado das eleccións autonómicas de Castela e León a unhas xerais, para empezar, polo peculiar da comunidade autónoma, que agrupa territorios moi diversos, mais si poden servir para analizar tendencias políticas de fondo.
En primeiro lugar, a forza que confire a VOX –partido eminentemente das elites– venderse como "movemento" anti-stablishment, asumindo até reivindicacións da "España vaciada".

Tamén se frean as expectativas deste movemento, mais só aparentemente: os resultados da plataforma Soria Ya, con anos de activismo político e implantación territorial –ao xeito da traxectoria de Teruel Existe– confirman que as plataformas anti-centralismo teñen empurre e funcionan cando contan con militancia real detrás.

O bipartidismo continúa na súa caída: non volve a estabilidade precrise do 2008 porque continúa a tremenda desigualdade socioeconómica e as "cuestións nacionais" nas periferias do Estado.

Os resultados de PP e PSOE son os peores da historia e o éxito sitúase nunha forza que reivindica o "españolismo" máis rancio e noutras que se rebelan, mesmo en Castela, contra o buraco negro madrileño e as súas consecuencias territoriais.

Así, para un Goberno de coalición no que Unidas Podemos non consegue frear a caída e un PSOE que xogará todo ao medo a VOX –está por ver aquí se a mobilización do voto antiVOX vai cara ao PSOE ou cara unha previsible candidatura de Yolanda Díaz que se reivindicará como feminista– cobran cada vez máis importancia como garantía de pactos de esquerda os nacionalismos e as plataformas territoriais contra o centralismo.

O bloque da investidura –e a conseguinte plurinacionalidade– sería o salvoconduto dun goberno de esquerda que ten retos –como a reforma fiscal– pendentes. As alternativas: un PP 'ayusizado' que con VOX consiga a maioría ou que PP e PSOE acaben por formalizar a gran coalición contra a que se configurou a candidatura de Sánchez dentro do partido.

Comentarios