Opinión

Aborto e literatura

Coincide a recuperación de dereitos no eido da interrupción voluntaria do embarazo no Estado español –eliminando a aberración de esixir consentimento paterno ás mozas de 16 e 17 anos– coa ameaza que a supervivencia do trumpismo supón para o dereito ao aborto nos Estados Unidos, onde a maioría da Corte Suprema estaría de acordo en revocar a sentenza que protexeu como dereito constitucional a interrupción voluntaria do embarazo en 1973.

A filtración sobre esta posible decisión conmove ao movemento feminista en todo o mundo e ensina como o avance da reacción non é inocuo: aínda que Trump fora derrotado nas Presidenciais, os efectos do seu mandato quedan en forma de maioría conservadora na cabeza do Poder Xudicial. Un recordatorio este de por que quen máis sufriremos as consecuencias dun goberno do Estado coa ultradereita dentro –mulleres, migrantes, persoas LGTBI...– non adoitamos concordar coa idea de que tanto ten quen goberne se non hai revolución.

Coincidencias temporais tamén no eido literario, coa publicación do premio Xerais de novela 2021, acadado por Berta Dávila cun texto –Os seres queridos– que presenta as reflexións dunha muller arredor da súa decisión de non querer volver ser nai, magnífica obra contada en primeira persoa que nos leva, sen dramas, a unha madeixa de sensacións, medos e tenrura, coma a vida mesma.

Lembroume á novela El acontecimiento (2000), de Annie Ernaux, e non só polo tema e a voz en primeira persoa, senón tamén pola mesma sensibilidade narrativa na que as pequenas cousas e impresións da vida cotiá configuran un universo complexo. Esta obra francesa, autobiográfica, relata o proceso que segue unha moza universitaria para poder abortar nun contexto de ilegalidade da práctica. E aínda outro libro recente (2018) –Tienes que mirar, da rusa Anna Starobinets– conta o desgarrador proceso dun aborto por causas médicas.

Eis literatura recomendada especialmente para quen non entenda aínda o esencial do dereito a un aborto seguro.

Comentarios