Opinión

A década acelerada

Hai dez anos vivíamos en Amio a ruptura nacionalista fraguada tempo atrás que fixo emerxer novas organizacións xa extintas.
En apenas nove meses fundouse un novo partido nacionalista que concorreu ás Galegas adiantadas da man da esquerda estatal, sorpassando o BNG e acadando, nos meses seguintes, gran proxección de voto.

Ese ano (2012) foi o da doutrina europea da "estabilidade", o da contrarreforma laboral, o da saída da crise pola vía de cargar o esforzo nas maiorías, o dos "recortes", que, Beiras dixera certeiramente no ecuador daquela campaña, "matan". 

En 2013 asistimos a un Papa renunciando ao cargo, á morte de Hugo Chávez, ás filtracións de Snowden sobre a vixilancia masiva por parte da NSA… Foi o ano do accidente de Angrois, pendente aínda de xuízo; o ano dos papeis de Bárcenas e da comparecencia de prensa de Rajoy nun plasma.

Dende aquilo, todo se acelerou: cada vez máis evidente a corrupción da Coroa –caso Noos– e do PP, a abdicación de Juan Carlos I, revoltas en Gamonal, avance do proceso de paz no País Vasco e do proceso de consulta popular en Catalunya, Marchas da Dignidade, creación de Podemos e derrota do bipartidismo nas Eleccións Europeas; todo isto no ano 2014, o da Lei Mordaza, do EuroMaidan e da unión de Crimea a Rusia.

2015 foi o tempo das mareas, das Xerais sen maiorías que custaron a Secretaría Xeral do PSOE a un Pedro Sánchez que volvería, grazas ás bases, para gañar unha moción de censura a Rajoy (2018) tras un referendo de independencia en Catalunya e a aplicación do 155 (2017).  

Por diante aínda nos quedaba a presidencia de Donald Trump e o Brexit (2016), dúas vitorias de Feijóo en Galiza nas que o PSOE non é segunda forza (2016 e 2021), histórica folga feminista (2018), repetición de Xerais e Goberno de coalición (2019), unha pandemia mundial (2020), asalto ao Congreso dos EEUU (2021) e o inicio dunha guerra europea sen que se apagara o conflito sirio (2022), nunha década na que se agravou a desigualdade social.

Que vertixe!

Comentarios