Opinión

Recollendo para o pobo

Sempre que penso no feito de recoller algo, penso na súa repercusión futura; ó igual que recollemos froitos que nos dá a terra no verán para alimentarnos no inverno, tamén é importante recoller testemuñas do país hoxe, para non esquecernos mañá do que un día fomos. Nos tempos que corren, onde triunfan as cousas efémeras, onde o que hoxe está de moda, mañá pode quedar no esquecemento, paréceme de vital importancia o nacemento de proxectos como “Dende a Cociña” onde intentamos que a nosa historia, dalgún xeito, siga viva.

Todo o mundo ten clara a importancia de coidar un monumento, porque forma parte da nosa identidade como pobo, da historia dos nosos devanceiros e devanceiras. Pero, que acontece, por exemplo, cos refráns que nos contaban os nosos avós? Ou co arrolo que che cantaba túa avoa para durmirte? Para min á resposta segue sendo clara: isto tamén é historia, historia viva que, de non prestarlle a suficiente atención, poida que desapareza. Ó igual que coidamos dun cruceiro porque queremos que as vindeiras xeracións sigan desfrutando del dentro de centos de anos, tamén debemos prestarlles atención a estas testemuñas (que a miúdo temos moi preto) para non perder esta parte viva do noso patrimonio.

Recoller é unha tarefa urxente, si, pero implicar, tamén. Quizais a clave para que todas estas recollas pasen de xeración en xeración (e mesmo chegar a ser estudadas nas aulas) sexa implicar ás cativas e cativos, facéndoas partícipes desta labor, deste proxecto ou doutros moitos que hai (ou que vai haber) ó longo do país. Que entendan a importancia de escribir no seu caderno ou mesmo de gardar unha gravación no seu teléfono móbil desa historia da malla que lle está a contar a súa avoa, porque é probable que, se non o fai, esa historia quede para sempre no esquecemento.

Quero rematar con esta reflexión: non é suficiente con recoller. Esa é a punta do iceberg, a fase inicial de calquera proxecto que teña por obxectivo recoller testemuñas que forman parte da nosa historia, da nosa identidade, do noso ADN. Tamén hai que revalorizar, difundir e saber que, proxectos como “Dende a Cociña” non terían sentido sen as e os informantes que nos adican algo tan valioso á vez que intanxible: o seu tempo. Creo que o noso deber é entender que somos unha parte da cadea de transmisión, importante, si, pero nunca máis ca esas persoas que comparten con nós a súa sabedoría infinita: as nosas e os nosos maiores.

Comentarios